Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xunta e gandeiros critican "o deixamento" do Goberno para acabar cos ataques do lobo

Xunta e gandeiros critican "o deixamento" do Goberno para acabar cos ataques do lobo

O Executivo central debe 12 millóns de euros a Galicia para facer fronte aos danos deste animal, segundo a conselleira Ánxeles Vázquez

Os avisos por danos provocados polos lobos no período 2024-2025 aumentaron un 72% en Galicia e as reses afectadas un 55%

Imaxe de arquivo dun ataque do lobo
G24.gal 24/03/2026 16:54

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, mantiveron este martes unha reunión no concello de Curtis cun grupo de gandeiros para analizar a situación xerada polo lobo neste municipio, onde se detectou no último ano un incremento do 125% nos avisos relacionados con esta especie. O encontro celebrouse nunha explotación de vacún de leite que perdeu varias reses por ataques de lobo.

Alí, denunciaron o "total abandono do Goberno central co sector primario" fronte aos ataques destes animais e, como mostra, lembraron que o ano pasado "desviou os 20 millóns de euros que correspondían ás comunidades para previr e compensar o impacto causado por esta especie", a sufragar unha serie de medidas para despregar o coche eléctrico.

Unha decisión que, como recalcou Ánxeles Vázquez, "adoptou de forma unilateral e sen comunicación oficial ás comunidades autónomas".

A Xunta achega fondos propios á espera das partidas do Goberno, segundo Ánxeles Vázquez 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dixo Ánxeles Vázquez, "ten aínda pendente de transferir a Galicia ao redor de 12 millóns de euros correspondentes ás partidas das anualidades 2022, 2023 e 2025 destinadas a axudar as explotacións gandeiras a adoptar medidas preventivas fronte ao lobo e a paliar os posibles danos".

Fronte a esta actitude, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta "leva anos actuando con medidas e recursos propios para garantir o equilibrio" no medio rural entre a conservación das poboacións de lobo e a actividade do sector primario. En concreto, lembrou que, a través do plan de xestión da especie, o Goberno galego autorizaba medidas puntuais de control como batidas e convocaba anualmente axudas económicas dirixidas tanto a implementar medidas de prevención nas explotacións como a compensar os danos producidos.

Tras case catro anos "sen poder adoptar medidas de xestión sobre estas poboacións", a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou que o seu departamento solicitou a comezos de 2026 que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia levantase a suspensión cautelar que pesaba sobre a caza da especie nos concellos de Curtis, Cerdedo-Cotobade e Ferrol, en vista "da alarma social xerada polo incremento dos ataques nos seus territorios e a proximidade cada vez maior ás vivendas".

Con todo, o Alto Tribunal galego rexeitou a petición e decidiu manter a suspensión deste tipo de medidas, polo que ambas as conselleiras consideraron que as axudas económicas da Xunta son "actualmente, a única medida de apoio ao sector gandeiro en Galicia, nun contexto de abandono por parte do Goberno central e no que, lembraron, os avisos por danos no período 2024-2025 aumentaron un 72% en Galicia e as reses afectadas, un 55%".

Outros problemas do sector gandeiro 

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural sinalou que a problemática co lobo se suma a outras dificultades polas que atravesa o sector gandeiro. Así, fixo referencia á situación de enfermidades como a dermatose nodular contaxiosa (DNC) e ao contexto en que se están negociando os contratos do leite, cunha baixada "desleal" nas propostas de prezos por parte da industria aos produtores, que coincide ademais cun incremento dos custos de produción polo conflito bélico en Oriente Medio.

María José Gómez censurou o "deixamento" do Goberno central e a súa "falta de iniciativa, a pesar das reiteradas demandas da Xunta" para que actúe nestes dous asuntos "de maneira urxente". Lembrou que "hai máis dunha semana solicitóuselle unha reunión urxente ao ministro de Agricultura, Luis Planas, para abordar estas e outras cuestións claves para o sector gandeiro, e que tan só se recibiu o silencio por resposta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade