Publicador de contidos

Publicador de contidos

A cantina de Toiriz, en Pantón, goza dunha segunda vida

A cantina de Toiriz, en Pantón, goza dunha segunda vida

O local, que pechara hai anos, foi reformado polos comuneiros e agora está aberto a toda a veciñanza

Ao local acoden veciños de todas as idades
Félix Aragunde 14/05/2026 20:53

Tras medio século de existencia, a cantina de Toiriz pechara e esta parroquia de Pantón quedara sen un lugar onde poder socializar. Daquela, a comunidade de montes tomou cartas no asunto e investiu 70.000 euros no local para lle dar unha segunda vida. Catro anos despois, a clientela enche a diario este establecemento rexentado pola asociación de veciños.

"Temos o local social, pero queriamos un local onde se puidese reunir a xente. E a mellor maneira era cunha cantina, como centro de dinamización rural. Á parte de tomares un café, podes falar de calquera cousa da parroquia, ademais de poder vender calquera dos produtos dos veciños, dende mel a calquera cousa que queiran vender", explica Enrique Vázquez, presidente da asociación de veciños de Toiriz

"É unha cantina típica rural, unha empresa dinamizadora de turismo natural. Aquí xúntase a xente e facemos festas por medio da comunidade de montes coa asociación de veciños", engade o comuneiro Manuel Carballada

Agora, o cento de residentes en Toiriz dispoñen dun lugar onde poder tomar algo ou botar a partida sen ter que saír da súa parroquia. O local, que antigamente formaba parte da casa rectoral, está hoxe aberto a todo o mundo. 

O traballo en conxunto dos comuneiros e do colectivo veciñal permite ademais que se poidan organizar eventos durante todo o ano, como é o caso da festa da malla que celebran no mes de agosto.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade