Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bota a andar en Lugo un novo colectivo veciñal centrado no sur da cidade

Bota a andar en Lugo un novo colectivo veciñal centrado no sur da cidade

A asociación veciñal As Carballeiras nace para canalizar as demandas dos residentes en barrios como Fingoi ou Augas Férreas

Carballeiras coma a de Fingoi danlle nome ao novo colectivo
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro. 07/05/2026 14:01

Os barrios do sur de Lugo, como Fingoi ou Augas Férreas, contan cun novo colectivo para canalizar as demandas dos residentes ou programar actividades abertas a toda a cidadanía. Segundo os seus impulsores, a asociación veciñal As Carballeiras busca encher un baleiro que ata o momento non fora cuberto.

"Fomentar as relacións entre a veciñanza, a cooperación, a participación activa na cidade e servir de canle de reivindicacións en todo tipo de asuntos, dende o deportivo ata os cívicos ou sanitarios. Tamén queremos fomentar a non discriminación, fomentando a participación das persoas máis discriminadas nos barrios, sobre todo as que veñen de fóra e que as veces se senten fóra da cidade", explica Beni Abeledo, presidente da asociación veciñal As Carballeiras. 

A primeira iniciativa do novo colectivo é un percorrido guiado, de balde e aberto a todo o público, dende o centro social de Fingoi ata a praza Roxa. Segundo sinalan non será, nin moito menos, a última proposta que fagan, algo que a veciñanza da zona ve con bos ollos. 

"Temos previstas varias actividades ao longo do ano, espaciadas no tempo. Imos facer roteiros, algunha actividade deportiva, cultural e incluso de información, como unha charla médica que cremos importante para a veciñanza maior. Como primeira actividade, comezaremos este sábado cun roteiro por Fingoi", sinala o representante veciñal. 

O colectivo asegura que anunciará as actividades polas redes sociais segundo se vaian programando, e convida a cidadanía a participar con propostas de xeito activo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade