Carral celebra un referendo sobre o uso público do campo da feira
Os veciños van decidir o uso dun novo espazo de 650 metros cadrados
Poderán votar ata o próximo 15 de xuño en urna no concello ou na páxina web municipal
O campo da feira de Carral, un dos espazos máis emblemáticos do Concello, onde se celebra cada setembro a Festa da Empanada e tres veces ao mes, a feira, acaba de incorporar 650 metros cadrados adicionais destinados a mellorar a contorna e crear novas posibilidade de uso para a cidadanía. Pero serán os propios veciños os que decidan a que se vai destinar este novo terreo.
"É un lugar onde se xuntan persoas e veciños de todas as idades. E queriamos saber que opinións tiña a xente", explica Cristina Casal, concelleira de Educación, Sanidade e Emprego de Carral.
"Que os veciños decidan, paréceme correcto". "Irei persoalmente para que me vexan a cara". "Fareino. Vou votar".
Para participar poden facelo deixando as súas propostas nunha urna do Concello ou cubrindo un formulario en liña da páxina web municipal.
Un recinto multideporte, unha zona para patíns e patinetes ou unha área de descanso con mobiliario urbano son as tres propostas do Goberno Local. Pero hai quen ten outras ideas para este espazo.
"Aparcadoiro. Chegas ao centro co coche e non tes onde deixalo".
"Lecer, lecer e lecer. Nada de negocio".
As propostas poderán achegarse ata o vindeiro 15 de xuño.