Xullo foi moi cálido e seco en Galicia
O episodio de calor que comezou o domingo 3 de agosto pode ser o máis longo da serie histórica na provincia de Ourense
As ondas de calor de máis dunha semana cuadruplicáronse en España no último cuarto de século. E esta na que estamos leva camiño de estenderse polo menos ata o domingo. Oito días consecutivos de abafo que, nalgunhas zonas de Galicia, poderían quedar rexistrados como a vaga de calor máis longa da historia.
"Iso non implica que en toda Galicia esteamos con temperaturas extremas, porque imos ter entrada de brétemas, que probablemente volva o nordés e se suavicen as temperaturas polo norte. Pero destacaría a provincia de Ourense en que si que pode que teña lugar un dos episodios de calor máis longos, se non o máis longo", matizou María Souto, de MeteoGalicia.
O luns 4 rexistráronse en Ourense 42 graos, en lugar dos 32 que serían normais. Tamén sur de Lugo e a bacía do Miño de Pontevedra seguen con temperaturas moi por riba da media. Pero xa desde mañá afrouxa noutras zonas, como nas Rías Baixas, onde as brétemas van moderar a calor.
MeteoGalicia presentou este mediodía o balance de xullo. O mes pasado foi seco, con apenas treboadas e unha soa fronte, que iso si, foi moi soada.
"Ninguén esquece a fronte deste ano que cadrou a sábado e obrigou a suspender tantos concertos", chancea María Souto, de MeteoGalicia. Explica que a chuvia foi intensa pero que o ballón durou moi pouquiño.
O resultado: se nun mes de xullo normal se recollen de media 25 litros, este ano recolléronse 7.
Xullo ademais foi moi cálido, 1,3 graos por riba do habitual. Aínda que os que traballaron puidesen quedar cunha sensación diferente.
"Tivemos unhas semanas que martes e mércores ía calor, pero que de cara á fin de semana suavizábanse as temperaturas", dixo María Souto.
De momento os encoros están ao 88 % pero desde a Consellería de Medio Ambiente piden prudencia con consumo de auga en previsión dun agosto que pinta seco.