Deteñen unha veciña de Carballo en relación con once incendios forestais nun mes
Axentes da Garda Civil arrestaron a suposta autora dos lumes na parroquia de Entrecruces
Os axentes do Servizo de Protección da Natureza da comandancia da Garda Civil da Coruña detiveron unha muller como suposta autora de once delitos de incendio forestal, durante a investigación da denominada operación Fumeiro.
A operación comezou por mor dun incendio que se rexistrou o 10 de xullo na parroquia de Entrecruces, en Carballo. Ademais dese lume, na mesma zona declaráronse outros dez incendios os días 31 de xullo e 5, 7, 8, 9, 11, 16, 17, 18 e 19 de agosto.
Foron lumes de pouca entidade grazas á rápida intervención dos servizos de extinción, pero obrigaron a unha vixilancia permanente da zona, o que supuxo detraer efectivos doutros lugares en plena vaga de incendios en Galicia.
A Garda Civil logrou identificar a presunta autora deses incendios, que foi posta a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Carballo.