Morre un policía local durante a persecución a un condutor ebrio en Monforte
O infractor fuxiu dun control nunha rúa da localidade e os axentes que foron tras el tiveron un accidente co seu coche, que impactou contra unha vivenda
Un axente da policía local de Monforte morreu esta madrugada durante unha persecución a un condutor que presentaba signos evidentes de ir bébedo ao volante, o falecido, canda outro compañeiro que resultou ferido, déranlle o alto para un control na rúa Calvo Sotelo.
O desgraciado accidente do vehículo policial sucedeu ao remate da rúa Moría, nas proximidades de Ribas Altas. Contra as dúas da mañá os axentes, que tiñan instalado un control de revisión de documentación, pararon o coche implicado. Tras notarlle ao condutor signos de embriaguez comunicáronlle que le farían unha proba de alcolemia.
O infractor reaccionou con violencia e fuxiu da zona. Os axentes perseguírono co seu vehículo pero sufriron unha saída da vía e chocaron contra unha vivenda. Un dos axentes faleceu no accidente e o outro permanece ingresado no hospital comarcal de Monforte, pero non se teme pola súa vida. O condutor foi detido.
O concello de Monforte trasladou as sús condolencias polo falecemento do axente de 34 anos e avanzou que vai declarar tres días de loito oficial polo tráxico suceso.