Deteñen un home en Ferrol por disparar ao aire e levar o fillo tras unha discusion de parella
O rapaz, menor de idade, quedou a cargo da nai despois da intervención dos axentes da Policía Local

Axentes da Policía Local de Ferrol detiveron un home este sábado por efectuar disparos ao aire e levar da casa o seu fillo menor de idade despois dunha discusión de parella.
Os feitos sucederon contra as 06:30 horas da mañá na travesía Bazán. Despois dunha discusión de parella, o detido realizou varios disparos ao aire e marchou do domicilio co fillo menor de idade que teñen en común.
Ambos foron posteriormente localizados noutro domicilio do que o pai saíu de forma voluntaria para que a Policía Local procedese á súa detención. O menor quedou a cargo da súa nai, precisan as mesmas fontes.
Dáse a circunstancia de que este episodio de violencia machista coincidiu coas primeiras horas das festas da cidade, que comezaron este venres.