Desactivado o nivel 2 en Vilaboa e estabilizado o incendio de Oimbra, en Ourense
Mellora a situación no incendio de Vilaboa que leva queimadas unhas 60 hectáreas
Frenan a progresión dos lumes en Ourense
En Lugo está activo o incendio de Carballedo-A Cova e ten desactivada a Situación 2
Este sábado pola mañá, a Xunta de Galicia vén de desactivar o nivel 2 de alerta no incendio localidade pontevedresa de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres, que continúa activo e leva queimadas unhas 60 hectáreas.
En Galicia permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Nesta provincia
están activos os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño (19.000 ha afectadas e evoluciona favorablemente, coa estabilización dos focos de Chandrexa), Larouco-Seadur (arredor de 30.000 ha) e Carballeda de Valdeorras-Casaio (3.000 ha) e tamén está activo o do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova (50 ha).
Segundo os datos falicilitados pola Consellería de Medio Rural, a situación dos incendios en Galicia neste sábado, por provincias é a seguinte:
Provincia de Lugo
Está activo o incendio de Carballedo-A Cova. Desactivada Situación 2.
Está activo un incendio forestal no concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa que xa foi desactivada.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie estimada de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 15 axentes, 33 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 4 avións.
Povincia de Ourense
Permanece decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e activo o de Vilariño de Conso-Mormentelos .Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que continúa activo
O lume evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo, en Chandrexa de Queixa.
Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 158 axentes, 203 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 32 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores 13 estaba activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur. Quedou estabilizado este sábado ás 11:25 horas. Afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 51 técnicos, 222 axentes, 311 brigadas, 216 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio, anteriormente denominado A Veiga-A Ponte
Desde as 18.42 horas do luns está activo un lume no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 3.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 30 axentes, 47 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 6 técnicos, 10 avións e 11 helicópteros.
Estabilizado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín.
Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar.
O foco iniciado en Oímbra-A Granxa deuse por estabilizado ás 22.29 horas deste venres, e así súmase ao que xa fora igualmente estabilizado ás 02.45 horas do martes 19, correspondente a Xinzo de Limia-Gudín. Polo tanto, a totalidade do lume está xa estabilizado.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 148 axentes, 206 brigadas, 122 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 21.20 horas de onte venres está estabilizado o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciaba o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego.
Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 49 axentes, 68 brigadas, 52 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que está estabilizado desde o xoves 21 ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 93 axentes, 171 brigadas, 88 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos
Ás 23.44 horas do martes 19 quedou estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09.
Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Estabilizado Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas do luns 18 no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
Controlado Montederramo-Paredes
Está controlado desde as 22.05 horas de onte venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Controlado Vilardevós-Moialde
Ás 20.22 horas de onte venres estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11.
Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas de onte venres. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 152 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Incendios na provincia de Pontevedra
Activo Vilaboa-Santa Cristina de Cobres. Desactivada Situación 2
Está activo desde as 16.37 horas do xoves 21 o incendio forestal da localidade pontevedresa de Vilaboa, parroquia de Santa Cristina de Cobres, e no que se activou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de Vilar, unha situación que xa foi desactivada.
Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 técnicos, 19 axentes, 35 brigadas, 30 motobombas, 2 palas, 3 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 8 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Estabilizado Oia-Mougás. Desactivada Situación 2
Dende as 18.55 horas de onte venres está estabilizado o incendio forestal do concello pontevedrés de Oia, parroquia de Mougás, que se iniciou ás 18.41 horas do xoves e no que se desactivou a Situación 2 decretada como medida preventiva pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Mougás.
Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie estimada de arredor das 60 hectáreas. Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 10 axentes, 22 brigadas, 19 motobombas, 1 pala, 2 helicópteros e 2 avións.
Controlado Agolada-O Sexo
Ás 16.35 horas do mércores 20 deuse por controlado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o venres 15 e o cal, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 400 hectáreas.
Neste lume foi preciso activar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 técnicos, 32 axentes, 51 brigadas, 54 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.
Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.
Confinamentos, evacuacións ou desaloxos
Ningunha persoa foi confinada nin desaloxada nas últimas horas na provincia de Ourense, onde se manteñen activos os protocolos de protección á cidadanía.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.