Localizada san e salva a persoa que buscaban no mar na Coruña
Foi unha falsa alarma, o mozo, supostamente desaparecido, saíra de festa e non deu sinais de vida ata este sábado ao mediodía
A familia deu a voz de alarma porque o mozo xa desaparecera noutras ocasións

Final feliz para a "desaparición" do mozo que buscaban na zona de San Roque da Coruña. A familia pensou que fora á praia nesa zona onte venres e ao non regresar deu a voz de alarma porque xa desaparecera noutras ocasións.
Finalmente o mozo apareceu san e salvo. Púxose en contacto coa familia este sábado ao mediodía. Contou que saíra de festa pola noite.
Tras a voz de alarma da familia, preocupada, os servizos de emerxencia mobilizáranse este sábado no mar, na zona de San Roque, na cidade da Coruña.
O 112 Galicia recibiu o aviso da Policía Nacional minutos antes das 10:00 horas deste sábado e mobilizou Salvamento Marítimo, Bombeiros, Policía Local e Protección Civil.
Á persoa desaparecida buscábana no mar despois de atoparen na zona indicios de que puidese estar por alí.