Forman os guías para que o Parque das Illas Atlánticas sexa un destino perfecto para ver a eclipse de sol
Forman os guías para que o Parque das Illas Atlánticas sexa un destino perfecto para ver a eclipse de sol
A sede do parque nacional das Illas Atlánticas en Vigo acolleu unha xornada divulgativa sobre o eclipse solar total, dirixida a guías do parque, monitores e profesionais ou afeccionados á astronomía
Os expertos insisten en empregar lentes homologadas para ver directamente a eclipse, evitar máscara de soldador e cristais tintados, xa que son de baixa protección e poden causar danos á retina
O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, como destino Starlight consolidado, será un deses espazos únicos en que se poderá gozar da eclipse solar. A súa sede na zona vella de Vigo acolle unha xornada dirixida a guías do parque, monitores, profesionais e afeccionados a astronomía, co fin de obter o máximo proveito do fenómeno. E, sobre todo, con seguridade.
"Temos astrónomos aquí, explicando en que consiste un eclipse solar, as fases das que consta, etc. Ademais de informar sobre as mellores posicións para ver a eclipse, ou como usar as lentes, as de verdade, as que están homologadas", sinala José Antonio Fernández, director do Parqe Nacional Marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG)
O consello máis básico é non mirar directamente ao Sol. Cómpre empregar lentes especiais homologadas, que hai que poñer e quitar vendo para o chan. Hai risco de que a radiación dane a retina se non se toman estas medidas.
"Facer que a xente teña coñecemento, e transmita ese coñecemento á súa familia, á xente que vai ver o eclipse. Moitas veces os nenos póñense a mirar para o Sol , sen saber que hai que poñer protección. É moi importante que a xene tome conciencia", di Francisco Novoa, presidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas.
Hai máis dun século anos que en Galicia non se goza da posibilidade de contemplar ao cen por cento un eclipse solar total. Os hoteis teñen xa numeroras reservas para esa data e ofrécense paquetes turísticos especiais para o evento. Agárdase unha importante afluencia de visitantes, aos que dende a Xunta, se pide coidado co medio natural.
"Ese día está para gozalo. Estamos abertos a que veña todo o mundo que desexa facelo. Non só temos que protexer os nosos ollos, senón tamén protexer os nosos espazos naturais".
Ao longo dos vindeiros meses repetiranse máis accións divulgativas sobre este fenómeno natural, ao que probablemente só asistiremos unha soa vez na vida.