Publicador de contidos

Publicador de contidos

5.400 prazas para visitar con guía e de balde as Illas Atlánticas este verán

5.400 prazas para visitar con guía e de balde as Illas Atlánticas este verán

Durante os próximos meses a Consellería de Medio Ambiente vai ofrecer un total de 368 roteiros

Debido ás obras que se están executando en Sálvora, polo momento non hai visitas programadas a esta illa

Arredor de 65.000 persoas puideron visitar estes espazos naturais nos máis de 20 anos que leva activo o programa

G24.gal 06/06/2026 19:10

A Consellería de Medio Ambiente ofrece este verán un total de 368 roteiros guiados gratuítos e con ao redor de 5.400 prazas dispoñibles para coñecer a natureza, o patrimonio cultural e arqueolóxico e a historia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Este programa de roteiros de verán do Parque Nacional naceu en 2004, primeiro con visitas guiadas a Cíes e Ons que se ampliaron, a partir de 2017, aos outros arquipélagos. En total, permitiu a unhas 65.000 persoas visitar estes espazos naturais nos máis de 20 anos que leva activo.

Todos os roteiros faranse en grupos reducidos co fin de ofrecer unha experiencia máis próxima e de calidade, segundo explica a Consellería nun comunicado.

No caso de Cíes e de Ons, as persoas interesadas en participar nalgunha das visitas con guía que se realizarán entre o 15 de xuño e o 15 de setembro poderán apuntarse tanto de xeito presencial, nas casetas de información localizadas nas propias illas, como a través da central de reservas.

En canto aos roteiros guiados polo arquipélago de Cortegada, cun total de 91 prazas pensadas para grupos de 14-15 persoas, só hai opción de reservar vía web.

Baixo o título 'Cortegada, un bosque no medio do mar', ofreceranse en total oito visitas —os domingos 12, 19 e 26 de xullo; 2, 9, 23 e 30 de agosto; e o xoves 20 de agosto— e o prazo para reservar praza pecharase catro días antes da data de cada excursión.

Ademais, habilitarase unha lista de espera para cubrir as posibles baixas que se produzan entre os rexistrados.

No caso concreto de Cíes e Ons, a solicitude a través da central de reservas en liña (na que haberá 156 prazas dispoñibles) deberá facerse cunha antelación máxima de 15 días e ata 24 horas antes do roteiro; mentres que as inscricións de xeito presencial tramitaranse o mesmo día nas illas.

Debido ás obras que se están executando en Sálvora, polo momento non hai visitas programadas nesta illa aínda que se intentará organizar algunha actividade guiada puntual a partir do mes de xullo da que se informará a través da páxina de reservas.

Todos estes roteiros guiados son totalmente gratuít0s, aínda que os visitantes deberán facerse cargo do custo do seu traslado ata a illa

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade