Publicador de contidos

Publicador de contidos

Propoñen multas de 3.000 euros por navegar con motos de auga nas Illas Cíes

Propoñen multas de 3.000 euros por navegar con motos de auga nas Illas Cíes

Os feitos producíronse en áreas especialmente delicadas para as aves mariñas

G24.gal 05/07/2026 18:43 Última actualización 05/07/2026 19:20

A dirección do Parque Nacional dás Illas Atlánticas de Galicia iniciou a instrución dun expediente sancionador contra catro pilotos de motos de auga por incumprir a normativa de navegación no espazo protexido das Illas Cíes e causar molestias á avifauna en zonas sensibles do litoral.

Os feitos producíronse en áreas especialmente delicadas para as aves mariñas, onde a presenza destas embarcacións pode xerar "tensións por contaminación acústica, desprazamentos forzados que interrompen a alimentación e o descanso, e alteracións en zonas de reprodución e nidificación".

Estas infracións poderían levar a sancións económicas que parten dende os 3.000 euros, segundo a gravidade dos feitos e danos ocasionados.

"A normativa do Parque prohibe molestar, ferir, capturar ou matar os animais silvestres, así como realizar actividades que deterioren ou perturben os elementos naturais do espazo, e esixe autorización expresa para a navegación e o fondeo", lembra a dirección do Parque Nacional no seu comunicado.

Neste sentido, lembra que as aves mariñas que nidifican ou utilizan estas illas dependen "da tranquilidade dos seus hábitats para reproducirse e manterse en bo estado de conservación", por iso "o paso irresponsable" de motos de auga preto da costa pode provocar "efectos directos e indirectos sobre colonias reprodutoras e zonas de descanso, alén de incrementar o risco de abandono de áreas de uso habitual por parte da fauna".

A dirección do Parque, así mesmo, insiste na necesidade de respectar a normativa vixente para compatibilizar o uso público "coa conservación dun dos enclaves naturais máis valiosos do litoral atlántico galego".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade