Alfombras florais de Ponteareas adornarán Madrid na procesión co Papa
As alfombras son elaboradas durante unhas sete horas e precisan a utilización de máis de 30.000 claveis
Este domingo, tras a celebración da Santa Misa na praza de Cibeles que vai oficiar León XIV ás dez da mañá, terá lugar unha procesión do Corpus Christi desde Cibeles pola rúa Alcalá
As alfombras florais de Ponteareas son moito máis que unha expresión artística: son todo un símbolo, unha manifestación de fe que pasa de xeración en xeración... E que chega tamén ata Madrid.
Este domingo, tras a celebración da Santa Misa na praza de Cibeles que vai oficiar o Papa ás dez da mañá, terá lugar unha procesión do Corpus Christi desde Cibeles pola rúa Alcalá. Nesa procesión destacarán as alfombras de Ponteareas.
"Imos comezar xa o que é a marcaxe, temos que comezar nesta zona desde pa praza de Cibeles e cara arriba. Facemos primeiro a plantilla, marcamos coma sempre con tiza e despois comezamos o perfilado", di un membro da Asociación de alfombristas de Ponteareas.
As alfombras son elaboradas durante horas e precisan a utilización de máis de 30.000 claveis, principalmente brancos e amarelos. Son 16 alfombras de tres metros de ancho ao longo de máis de 500 metros da rúa Alcalá, por onde vai discorrer a procesión eucarística.
"Hai un tributo ao Papa que nos visita, entón estamos planificando onde van ir as alfombras. Son 16 tapetes en todo o percorrido da rúa Alcalá". "Seis, sete horas nos van levar estar aquí tirados no chan, o bo que temos é que hai bo clima", di outro membro da Asociación de alfombristas de Ponteareas.
Os alfombristas de Ponteareas coordinaron o traballo dos máis de 160 voluntarios que participaron na confección das alfombras, moitos dos membros da comunidade galega residente en Madrid.
A intervención transforma así unha das principais rúas da capital nun grande espazo de arte efímera con composicións que incorporan elementos da iconografía cristiá.