Publicador de contidos

Publicador de contidos

A iniciativa Estudios Abertos enche os espazos artísticos da Coruña

A iniciativa Estudios Abertos enche os espazos artísticos da Coruña

Cincuenta e cinco talleres abren as súas portas para mostrar a obra e o proceso creativo dos artistas locais

G24.gal 06/06/2026 21:27

Máis de cincuenta de estudios repartidos polos barrios da Coruña abren as súas portas durante a fin de semana para que poidamos coñecer a obra, os espazos e os procesos creativos dos artistas. A proposta de Estudios Abertos ofrece unha ocasión inmellorable para descubrir o talento local da man dos propios creadores.

Traspasamos as portas da Fábrica do Trece para achegarnos á obra de Edgar Ortiz, ás pinceladas cargadas de textura dos seus retratos e ás súas inconfundibles pinturas realistas do cotián. Abre o seu estudio para que durante unhas horas sexa un espazo compartido. 

"Hai algúns estudios que son completamente pechados. Abrir e que a sociedade vexa como traballamos e descubrir algún segredo para que a xente que non se move neste círculo poida entrar é moi agradable", conta Ortiz.

Xente como unha que chegou ao barrio do Gurugú seguindo as indicacións dun mapa que sinala a ubicación exacta de cada local.

"Descoñeciamos que había tantos artistas na Coruña. É moi bonito que nos deixen entrar e coñecer as súas obras. A verdade é que nos está gustando moito e sorprendendo", di ela.

Quizais a súa seguinte parada sexa en Monte Alto. No estudio de Daniel Remeseiro, os artistas do Grupo Escombro reciben os visitantes con ganas de conversar.

"Aprendo moito. Por exemplo nesta serie fago un xogo desenfocado e cada espectador ve unha cousa distinta. Ese xogo encántame", confesa Daniel Remeseiro.

No mesmo taller, fotografía, cerámica e a pintura de Ignacio Pardo, que transitou da vangarda á inspiración barroca.

"Estou volvendo ao século de Ouro, ao Barroco, ás cousas que me gustan, como o aspecto museístico da pintura", comenta Pardo.

Estudios Abertos anímanos a deixaronos sorprender e a habitar os espazos nos que nace a arte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade