Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os Ilustradores do Urban Sketchers de Vigo conmemoran o día do naturalismo en Galicia

Os Ilustradores do Urban Sketchers de Vigo conmemoran o día do naturalismo en Galicia

Museo do Mar de Vigo celebra este día, creado para achegarse á natureza, coa mirada dun grupo de ilustradores posta na fauna, flora e paisaxe deste pedazo de mar no sur de Galicia

Imbuído polo espírito científico, tantas veces ignorado, o padre Martín Sarmiento, nado neste día, xa se preocupaba no século XVIII do impacto da pesca no censo dos atúns ou as sardiñas

O artista californiano Alfonso Solorzano, debuxante do Urban Sketchers en Vigo, debuxa unha paisaxe desde o interior do Museo do Mar.
G24.gal 09/03/2025 17:17

Galicia celebra este nove de marzo o día do naturalismo. A data coincide coa do nacemento, hai máis de tres séculos, do Padre Sarmiento, o primeiro naturalista galego. E con este motivo en todo o territorio se desenvolven distintas actividades que miran cara á nosa natureza.

Na primeira celebración deste día do naturalismo en Galicia, en 2023, o Consello da Cultura Galega escribía nun comunicado que cunha información rigorosa e de calidade sobre o noso medio natural poderiamos protexer o que aínda se conserva da natureza e incluso lograr restaurar o xa estragado. 

Máis de vinte debuxantes do Urban Sketchers de Vigo acoden á chamada do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. Para conmemorar o día do naturalismo invítanos a ilustrar recunchos do mar desde o Museo do Mar. Rememoran e dignifican a figura daqueles ilustradores da natureza do século XVIII que coa súa observación catalogaban o mundo. 

"Estar aquí con esta comunidade de artistas para min é moi importante. O de hoxe é un día de celebrar a natureza, pero para min isto sucede todos os días, todos os días ando por fóra. Porque eu celebro a natureza todos os días", conta a TVG Alfonso Solórzano, debuxante do Urban Sketchers Vigo.

"O mellor que pode facer a xente, sobre todo hoxe en día, é ir a un monte, a unha praia, a un lugar perdido da man de Deus, a estar en silencio cos seus propios pensamentos. Creo que fai moita falta. Observar. Observar, estar tranquilo e non ter que estar todo o tempo sometida a estímulos externos. Porque ao final como debuxante estás observando todo o día cousas que ao mellor outra persoa que non se dedica ao debuxo ou que non ten esa visión artística non o ve.  Porque non se fixa e porque estamos todo o día de aquí para alá", engade Alba Iglesias, debuxante tamén do Urban Sketchers Vigo.

"Xornadas coma a de hoxe poñen en valor ese estudo da historia natural, esa percepción do que nos rodea. Para ver a natureza non hai que irse a África. Nós aquí, na contorna do Museo do Mar temos especies únicas e singulares. Estamos a carón dun parque nacional, vivimos nunha contorna privilexiada. E hoxe é o día idóneo, un día estupendo para lembralo", relata Luísa Martínez, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

Para lembrar, conta Luísa do CSIC, que nun mundo global observar e coidar o medio é imprescindible para a supervivencia. Para lembrar o primeiro naturalista galego, o padre Sarmiento, o pioneiro da natureza botánica, o autor dunha Historia Natural amplamente ignorada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade