Brión entrégase ao feitizo das musas no Encontro coa Arte na honra de Xosé Vizoso
O afamado ilustrador, deseñador e ceramista tivo unha complicidade especial coa vila brionesa
A exposición dedicada ao ilustre artista estará aberta ata o mes de setembro
As ríbeiras do río Pego, en Brión, un municipio moi preto de Compostela, acollían unha estampa insólita por inhabitual: a dunha multitude de artistas intercambiando as súas habilidades baixo a inspiración das musas, nunha sorte de parnaso enxebre de libre acceso e argallado dende o concello brionés dentro dos seus chamados encontros coa arte.
"A arte é compartir experiencias e motivacións, porén non só pintura; É tamén poesía, teatro....", apunta o artista José Galarzo.
"Dende o punto de vista cultural isto é moito máis que unha xuntanza de pintores. Non debería facerse isto máis? Pois claro que si. Tes que encontrar concellos coma este", afirma o artista e caricaturista Siro López.
Este encontro de artistas, procedentes de toda a península, comezou hai 18 anos como un achegamento entre amigos para converterse co tempo nun propósito humanístico integral.
"Demostrouse que a pintura, a escultura, a danza, as belas artes, as artes en xeral forman parte da nosa educación. Se non temos iso, fáltanos algo", opina o pintor Paco Casal.
Esta actividade inclúese dentro dos actos que o concello brionés dedica este ano a Xosé Vizoso, o ilustrador, deseñador e ceramista, que residiu trinta anos na vila e que faleceu recentemente.
"Consideramos que foi case o gran deseñador que tivo Sargadelos cando Isaac (Díaz Pardo) abandonou un pouco esa faceta. Confiou tanto en Vizoso que foi o que facía todos os deseños. Pero Vizoso, ademais de cerámica de Sargadelos e de cartelaría, é muralista. Ten murais que son fóra de serie", ilustra Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión.
A exposición, que se pode visitar no centro social do concello, estará aberta ata finais de setembro.