Ferido grave un mozo que caeu dende o alto dunha fonte no centro da Coruña
No accidente levou con el a estatua que coroaba o monumento
Un mozo de 25 anos caeu desde o alto da fonte de praza de Azcárraga, na cidade vella da Coruña, e foi trasladado ao hospital en estado grave. Na caída, levou con el a estatua que coroaba o monumento, coñecido como a Fonte do Desexo.
O suceso produciuse pasadas as doce da noite cando cedeu a base de ferro na que se empolicara e se precipitou ao chan, provocando a aparatosa caída.
O mozo sufriu un traumatismo cranioencefálico severo e múltiples golpes e contusións. Segundo fontes municipais, xa fora denunciado previamente xunto a outras persoas por beber na vía pública.
Os bombeiros trasladáronse ata o lugar para asegurar a zona. Ademais, o 061 enviou unha ambulancia medicalizada para trasladalo ao complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC) onde permanece na UCI.