Multitudinaria manifestación en Ferrol por "un tren do século XXI"
Reclaman uns trens que conecten os municipios da comarca entre si, pero tamén co resto de Galicia e da Península
A reivindicación do Foro Cidadán polo Ferrocarril foi unánime e sumou apoio institucional, político, socioeconómico, cultural e deportivo de Ferrol
A comarca de Ferrolterra saíu este domingo á rúa para pedir un servizo ferroviario digno para a comarca. O Foro Cidadán polo Ferrocarril, co apoio unánime de partidos políticos, sindicatos e do tecido social, empresarial e deportivo, iniciou ás doce do mediodía unha multitudinaria manifestación en defensa de "un tren do século XXI" que permita a conexión con Ferrol e a súa comarca.
A marcha partiu da estación ferrolá de trens e percorreu o centro histórico da cidade, para finalizar no concello, desde cuxo balcón se lerá o manifesto reivindicativo da protesta.
A plataforma convocante, conformada por entidades da zona, solicitou nas últimas semanas o respaldo de preto de medio centenar de institucións, formacións e colectivos sociais para esta marcha.
Manifestáronse 10.000 persoas, segundo fontes policiais, e preto de 30.000 segundo impulsores do acto
A participación varía segundo as fontes dos datos. As fontes policiais din que este domingo participaron na manifestación comarcal unhas 10.000 persoas. Os impulsores do acto din que saíron ás rúas 30.000 persoas.
"Pedimos a mellora do treito que vai de Ferrol cara á Coruña, que se electrifique, que eliminen algunhas curvas, que melloren os túneles, e sobre todo que aumenten as frecuencias", explica Esperanza Piñeiro, unha das voceiras da plataforma convocante.
"Entre Ferrol e A Coruña os servizos non atenden as necesidades dos cidadáns porque só hai catro ou cinco ao día e están pensados para enlazar cos trens de Madrid, non para que poidamos ir traballar, estudar ou facer xestións", denuncia Gregorio Bermejo, integrante do Foro.
"É crucial que presionemos para conseguir que o grande investimento ferroviario previsto no conxunto de Estado non esqueza a Ferrol, Eume e Ortegal e as nosas comarcas nun lugar preferente, porque o merecemos", di Fernando Ramos, outros dos portavoces.
Multitudinaria manifestación en Ferrol en defensa do tren, este domingo
Á manifesación sumáronse dirixentes como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (PP); o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego; ou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; ademais do deputado de Sumar Manuel Lago ou Judit Fontela, directora xeral de Mobilidade da Xunta.
O Concello de Ferrol publicou este sábado un bando animando á participación cidadá na mobilización, á que acudiron persoas de toda a comarca co obxectivo de lograr a modernización do trazado cara á Coruña, o aumento de frecuencias ou a revitalización do antigo Feve, que comunica con Lugo e Asturias.
Cabeza da manifestación deste domingo en Ferrol en defensa do tren
Na mobilización coreáronse lemas como "o tren é un dereito, non un privilexio" ou "a nosa comarca está discriminada". Posteriormente, a directora de cinema Chelo Loureiro e o exxogador de baloncesto Miguel Loureiro, ambos ferroláns, leron o manifesto reivindicativo desde o balcón do consistorio, onde estiveron acompañados por boa parte dos alcaldes da comarca de Ferrol.
O manifesto fixo fincapé na "unidade de diferentes sectores da sociedade ferrolá e galega" para presentar "ante o Goberno de España as demandas por un tren do século XXI para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal" e no "dereito de que non sexan permanentemente excluídas da modernización do transporte ferroviario".
O Foro Cidadá censura que Ferrol fora "excluído do eixo atlántico ferroviario de alta velocidade
O Foro Cidadán polo Ferrocarril, cuxos principais portavoces permaneceron na praza de Armas portando unha pancarta ante o público asistente, censura que Ferrol estea "excluído do eixo atlántico ferroviario de alta velocidade" e que está "deficientemente conectado ao resto da rede ferroviaria galega".
O colectivo esixe "restituír as frecuencias e horarios entre Ferrol e A Coruña que existían ata o 9 de xuño, incluíndo a relación directa con Madrid e o incremento de frecuencias" cara á cidade herculina e instar o Goberno central "a iniciar este ano o estudo informativo para a modernización da infraestrutura" entre a localidade e Betanzos.
Tamén solicitan que o executivo resolva antes de que conclúa 2025 as alegacións para o bypass de Betanzos e que comece a redacción do seu proxecto, como tamén a mellora dos servizos de proximidade de ancho métrico, o antigo Feve, á comarca de Ortegal.
Finalmente, os convocantes piden un tren de proximidade entre Ferrol e A Coruña, a intermodalidade con outros medios de transporte e a integración dos portos exterior e interior de Ferrol na "rede ferroviaria moderna", ademais de exhortar ao traspaso a Galicia dos servizos de proximidade e á "chegada efectiva" da alta velocidade.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, ou a directora xeral de Mobilidade da Xunta, Judit Fontela, acudiron á manifestación.
Así mesmo, tamén asistiron o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ou os deputados Néstor Rego, do BNG, e Manuel Lago, de Sumar; ademais do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso