Un cento de debuxantes urbanos cítanse en Vigo nunha quedada da USK
A agrupación de debuxantes urbanos de Vigo logra entrar de xeito oficial no club internacional de USK, que agrupa máis de cincocentos membros
Hai nove grupos en Galicia, noutras tantas cidades, que se xuntan cada semana para retratar con lapis e caderno monumentos, paisaxes e persoas
Un cento de debuxantes citáronse este sábado en Vigo, para retratar sobre o caderno diversos lugares da cidade. É unha iniciativa da agrupación local de debuxantes urbanos, que este ano logrou ser acollida no círculo mundial de Urban Sketcher (USK), que integran medio milleiro de cidades dos cinco continentes.
Botarse á rúa con lapis, acuarela e caderno e poñerse a debuxar o que se queira. Un xeito de retratar o mundo que vemos, para algúns incluso máis proveitoso que a fotografía.
"Gústame viaxar e no canto de tomar fotografías, pois prefiro facer bosquexos, debuxos rápidos. Así quédanche mellor na memoria os lugares que visitas", confesa Elisa Franco, mestra de debuxo e participante na quedada.
Unha afección que se pode facer en solitario, pero que se goza moito máis en compañía. O movemento de debuxantes urbanos comezou nos estados Unidos alá por 2008. Unha década despois chegou a Vigo, onde foi gañando adeptos.
"Fun un pouco a impulsora que comezou a chamar xente e quedar para debuxar xuntos. Por amor polo debuxo e polo amor por compartir a nosa afección. O debuxo, cando é en compañía, poténciase, faise máis grande, aprendemos xuntos", asegura Araceli Bernárdez, unha das pioneiras en promover a USK en Vigo, alá polo 2018.
Nas quedadas o único requisito é debuxar in situ durante un par de horas o que temos diante, paisaxes, monumentos ou mesmo persoas. Na deste sábado en Vigo acudiron máis dun cento de debuxantes. Afeccionados ou profesionais, cada quen coa súa técnica.
"A maioría decantámonos pola acuarela, porque dá un efecto rápido de cor e transmite mellor as transparencias", sinala Raúl Vilar, debuxante afeccionado participante na quedada.
Hai nove agrupacións noutras tantas cidades galegas. A de Vigo é a primeira en integrarse no selecto club internacional con carácter oficial.
"Este ano conseguimos entrar no grupo oficial de USK internacional, e por iso hoxe é un día de celebración", di orgullosa Victoria Abreu, actual coordinadora da agrupación USK Vigo.
Non se compite nin hai premios, o único galardón é compartir a experiencia e levar un bo debuxo como recordo.
