O Festival DesOrdes Creativas organiza un taller de pintura mural co artista Yoseba MP
O Festival Internacional de Arte na rúa DesOrdes Creativas celébrase en Ordes desde hai xa 18 anos
En cada edición do festival convidan 6 artistas para que fagan murais en distintos espazos do concello
Pero ademais diso hai moitas máis actividades, entre elas, este taller de retrato mural
O Festival Internacional de Arte urbana de Ordes leva a pintura á rúa de distintas maneiras: transformando a faciana da vila, pero tamén divulgando as técnicas da pintura mural. O artista Yoseba MP imparte este obradoiro de retrato a partir de personaxes de ficción dos anos 80 e 90.
"Teño a temática de escoller personaxes de series dos anos 90, porque me fan graza. Pero tamén por facer un retrato dun personaxe que coñeces pero que non tes tanto apego cara el. Se non sae ben, non pasa nada", comenta o artista Yoseba MP.
"Eu dedícome á tatuaxe, debuxo moito e gústame moito a pintura, aínda que non me dedico a ela", explica Rebeca Horts, unha das participantes no taller.
"Eu traballo principalmente en dixital. Esta oportunidade está moi ben porque así saio do dixital e podo experimentar coa pintura real", di Rebeca Varela, unha ilustradora que participa no taller.
Entre os participantes están dous dous muralistas convidados nesta edición do festival DesOrdes creativas: o artista galego Juan Rivas e o catalán Ivan Floro, que fixo este mural ao pé da estrada N-550
"Gústanme as motos, e pensei que unha moto aquí á beira da estrada que me funcionaría bastante", di Iván Floro.
Despois de 18 anos celebrándose o festival DesOrdes creativas, o concello de Ordes reúne a maior concentración de arte urbana de Galicia, tanto en formato grande como en escala pequena.