Fieis de toda Galicia viaxan a Madrid para ver o Papa
Centos de galegos acoden a Madrid en viaxes organizadas polas parroquias e as dióceses
Do Carballiño sae un autobús esta noite para asistir este domingo á misa en Cibeles
Un mes levan planificando a viaxe na arquidiocese do Carballiño, pero as gorras non chegaron ata esta mañá. Xusto a tempo para emprender a viaxe.
"Levamos cadeira, viseira e creo que o imos pasar estupendamente", di Luci, veciña do Carballiño.
Tamén levan cadeiras pregables para facer máis levadeira a espera. Confían en achegarse o máis posible ao pontífice.
"Temos moita ilusión por poder ver o Papa. A ver se non o vemos en pantalla e nos podemos achegar a el". "Coa ilusión de velo en persoa. Pero sabemos que está aí. Quen sabe, se pasa ao lado e nos agarra da man", comentan outras dúas veciñas da zona.
Ao redor de cincocentos mozos de toda Galicia viaxan tamén con antelación para asistir á vixilia na praza de Lima.
"Moi contenta. É unha mostra de fe, unha forma de alabar a Deus", sinala unha moza que marcha en tren para chegar a tempo.
Na Veracruz, fixeron soar as campás no momento xusto en que León XIV pisou solo español. O párroco do Carballiño e o de Albarellos, en Boborás, tamén viaxan a Madrid.
Carlos Arce, párroco de Albarellos e coordinador da viaxe: "Tivemos que inscribirnos como grupo e os sacerdotes temos a posibilidade de concelebrar moi preto do Papa".
Regresarán en menos de vintecatro horas, pero confían en que serán moi intensas.