Xoana Almar, Yoseba MP, Pelucas e Lúa Gándara pintan no Viladomar 2025
O festival de murais de Rianxo leva desde 2018 transformando as rúas con arte pública
O muralismo en Galicia segue en plena explosión creativa. Estes días algúns dos nosos mellores artistas de rúa empréganse a fondo con pértegas, brochas e elevadores para transformar muros e paredes medianeiras do concello de Rianxo. É unha nova edición do Festival Viladomar, que desde o seu inicio en 2018 xa deixou a súa pegada de luz e cor neste concello mariñeiro.
Na fachada sur da Escola Unitaria de Pazos, a pintora Lúa Gándara estréase como muralista. E na norte traballa Xoana Almar, da cooperativa Cestola na Cachola.
"As dúas perseguimos ese trazo dos nenos e das nenas e as texturas de cera. Eu axúdolle na parte técnica a familiarizarse coas ferramentas do muralismo, a pértega, o rolete, as brochas grandes. E ela está traballando comigo a abstracción", explica Xoana Almar, Muralista da cooperativa Cestola na Cachola.
"Porque hai moi pouca abstracción no muralismo galego, por iso me invitaron. Todo o mundo, nunhas formas que non están tan definidas, pode atopar as cousas que ten dentro da cabeza", comentou a artista Lúa Gándara.
Así dialoga a arte de rúa cos veciños, sempre atentos ao traballo creativo dos artistas.
"A street art vén das grandes cidades, pero aquí en Galicia temos sitios onde non houbo tanta planificación urbanística que poden ser moi interesantes, son pequenos e, ademais, a interacción coa xente é moito máis directa", comenta Nove Noel, muralista e organizador de ViladoMar.
O vigués Pelcucas encárgase deste mural en pleno centro rianxeiro. Mentres en Asados, Yoseba evoca o canto dunha veciña, Maruxa, a dos Rosales.
"Puiden ir coñecer a Maruxa, encantoume a historia. Pois imaxina, unha muller cunha saia polos xeonllos, lentes de sol e cantando nunha época en que as mulleres non cantaban cos gaiteiros, pois era revulsivo", dixo Joseba Muruzabal (Yoseba MP).
E así, coas emocións e as historias da arte pública, vanse embelecendo as rúas, trazo a trazo.