Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os xabarís pasean polo areal de praia América, en Nigrán, a plena luz do día

Os xabarís pasean polo areal de praia América, en Nigrán, a plena luz do día

Un porco bravo paseou polo areal de praia América o domingo pola tarde, ante a sorpresa de veciños e visitantes

O abandono do rural fai que cada vez máis animais se acheguen ás zonas urbanas na procura de comida

G24.gal 06/05/2025 13:30

A invasión de xabarís en zonas urbanas está a xerar inquedanza en toda Galicia. E moita no Val Miñor, onde os animais están xa a pasear a plena luz do día, mesmo pola praia. Algúns veciños xa o toman a risa.

"Sei que andaron labrando por alí e que os teñen visto na praia. Que labraron si o sabemos porque fomos mirar, e minaron todo por alí adiante. Agora hai por todos os lados, non por aquí só. O que pasa é que o animal quere ir a praia coma os veraneantes", comenta un deles. 

Aínda era de día no areal de praia América cando os paseantes contemplaban sorprendidos como un xabaril camiñaba tranquilamente pola praia e bebía na desembocadura do río Muíños. Unha escena que está a repetirse nos últimos tempos, pero de noite.

"Cada 8, 15 días. Fronte ao centro de saúde moitísimas veces, e por Gondomar non digamos. Hai moitísimos, diante da miña casa había dous o domingo. E por aquí moitísimos"; "En San Pedro tamén, saen familias enteiras polas noites a pasear e as veces entran nas leiras e fan das deles", comentan dúas veciñas do Val Miñor.

As imaxes dos porcos bravos paseando mesmo polo paseo de Panxón son máis frecuentes do que lles gustaría aos veciños. Unha quéixase de ter achegados que bateron co coche cuns xabaríns. E ela mesma os viu "pola noite hai coma 3 ou 4 meses. Atopamos unha femia de xabaril e as crías. Ideais, preciosos, que te conmoven. Foi nos Abetos. Imaxina de noite nos Abetos, un sitio en que apenas hai farois. Horrible, levas un susto tremendo porque é moi perigoso".

Hai inquedanza, porque o abandono do rural e a escaseza de comida fai que os xabarís se acheguen cada vez máis ao centro das cidades. É o caso da Guarda, onde o pasado mes de abril unha familia de xabarís se paseou tranquilamente polas rúas máis céntricas da vila. Imaxes que son xa cotiás en toda Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade