Ponteareas cortará a N-120 cada venres para denunciar a súa inseguridade
Os veciños e veciñas de Ponteareas protestan pola inseguridade e o risco que lles supón ter que cruzar a diario a Nacional 120
As protestas consistirán en cortar a estrada cada venres, á altura da capela dos Remedios, e están previstas tamén mobilizacións e concentracións en puntos estratéxicos da N-120 e incluso unha manifestación fronte ao Ministerio de Transportes de Madrid
En Ponteareas levan máis de 8 anos reclamando unha mellora na seguridade viaria da nacional 120. Apuntan que é un risco para os veciños, que se ven na obriga de cruzar a diario esta estrada.
"Non hai ningún paso de peóns, ningunha rotonda, xente que vai pasear polas beirarrúas, xente, coma min, que vai correr, temos que cruzar a carretera", di un veciño.
"Teño que pasar diariamente, si ou si, cun carretillo, para poder levar a basura a un colector, que o teño do outro lado, en fronte", comenta outra veciña.
De feito, xa ten habido casos nos que houbo que lamentar algunha vítima mortal.
"Faleceume un avó debaixo dun coche, hai uns 30 ou 40 anos", conta unha veciña.
"Aquí morreu unha rapaza en febreiro do 2016, que foi cando montaron a Plataforma", apunta outro veciño.
O problema principal reside en que transitan arredor de 17.000 vehículos diarios por ela e na súa proximidade a núcleos urbanos consolidados.
"Somos case 3.000 veciños os que vivimos ao carón da Nacional, entón isto convertiuse nunha ratoeira, tanto para os veciños como para os que veñen de fóra", di Luis Campos, voceiro da Plataforma Nacional 120.
As principais reclamacións que fan dende a Plataforma son sete glorietas, uns pasos de peóns e, sobre todo, as beirarrúas.
Este venres, ás 19:00, está prevista a primeira das protestas convocadas pola Plataforma Nacional 120 para reclamar o inicio das obras de seguridade viaria desta propia estrada, ao seu paso polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas. As protestas consistirán, principalmente, en cortar a estrada cada venres, á altura da capela dos Remedios, lugar onde faleceu a última persoa atropelada nesta vía, e van participar membros de todos os grupos políticos da Corporación de Ponteareas, da Plataforma e veciñanza da zona. Tamén planean mobilizacións e concentracións en puntos estratéxicos da N-120 e incluso unha manifestación fronte ao Ministerio de Transportes de Madrid.