Preocupación polas inspeccións de Traballo na vendima
Combaten a contratación irregular de xornaleiros, con varios casos detectados en Valdeorras e no Ribeiro
A normativa laboral dificulta a colaboración altruísta de familiares e veciños, tradicional nestes traballos
Historicamente, a vendima, como a colleita da pataca e outros traballos agrícolas temporais, facíase de xeito comunitario. Familiares e veciños xuntábanse e vivíano como unha festa de entrada no outono. Pero ese espírito estase perdendo.
"Agora é complicado por culpa das inspeccións, porque veñen e, se collen a xente sen asegurar, as sancións son moi grandes e a xente ten moito medo".
"Home claro! Temos preocupación porque, se veñen, non pode andar un familiar, nin un amigo... e iso dános nervios. E as multas que meten, que son moi altas. Fálase de seis mil euros por persoa".
"E se están xubilados, que é o que máis hai aquí, seica lles van á pensión, entón a xente non quere arriscarse", comentan dous viticultores de Castrelo de Miño.
Esta semana houbo inspeccións a diario, algunhas con drons e asistidas pola Garda Civil.
Carlos Basalo, responsable de Unións Agrarias en Ourense: "Cada vez hai máis inspeccións, máis controis e, fóra de familiares de primeiro grao practicamente, é moi difícil traer alguén sen asegurar. A maioría dos viticultores están asegurando xente, pero tamén é moi difícil atopar xente para traballar no campo".
O que di a norma, o Estatuto dos Traballadores, é que os traballos familiares quedan excluídos desta lei e tamén os que se realizan, di textualmente, a título de amizade, benevolencia ou boa veciñanza.
Luis Manuel Vázquez, xerente do Consello Regulador da D. O. Ribeiro "Eu podo ser moi amigo dun viticultor do Ribeiro, pero, se estou empadroado en Ourense, xa non podo demostrar vecindade. Como demostro con documentación unha relación de amizade? É complicado".
"Queda moito na man do inspector, e iso non pode ser. Hai que facer unha norma onde quede claro que consideramos boa veciñanza e que non", engade Carlos Basalo.
Piden que se relaxe a carga burocrática duns traballos que son esporádicos, de curta duración e con dificultades para atopar traballadores.