Ryanair recortará outro millón de prazas no verán se AENA non baixa as taxas
"Se os prezos na España rexional son demasiado altos, voaremos a outro lugar", di a compàñía
O Goberno reitera que non admite chantaxes

O conselleiro delegado do grupo Ryanair, Michael O'Leary, sinalou que podería reducir outro millón de asentos nos voos a España o próximo verán se o xestor aeroportuario español AENA non baixa as taxas aeroportuarias tras o incremento do 6,5 % anunciado.
Nunha entrevista ao Financial Times tras a reunión anual da aeroliña irlandesa de baixo custo, O'Leary avanzou que ten previsto volver a Madrid dentro de dúas semanas e que probablemente anunciará este novo recorte.
"Se os prezos na España rexional son demasiado altos, voo a outro lugar", agregou o executivo de Ryanair, que insistiu en que se o Goberno español non dá convencido a Aena de que dea marcha atrás nesta subida de taxas, non ten ningún interese en atendelos.
O Ministerio de Transportes reiterou que non atende a chantaxes e que se, tal e como ameazou, recorta un millón máis de asentos nos voos a España o próximo verán, o oco que deixe será enchido por outras compañías.
A compañía suprimirá xa en inverno un millón de prazas
Ryanair anunciou este mes un recorte dun millón de asentos en España para a tempada de inverno. Esta menor oferta de asentos supoñerá a perda de máis dun millón de prazas, que, sumadas ás 800.000 que Ryanair eliminou na tempada de verán, eleva o recorte total a 2 millóns no conxunto de 2025.
O comisario europeo de Transportes, Apostolos Tzitzikostas, ten previsto reunirse este venres co conselleiro delegado e Ryanair, un encontro que provocou a sorpresa do ministro español de Consumo Pablo Bustinduy, que lamenta que esta cita sexa antes co magnate de Ryanair que co Goberno español tras a chantaxe da aeroliña polas taxas de AENA.
En plena polémica polas taxas, o presidente de AENA, Maurici Lucena, acusou a aeroliña irlandesa de distorsionar as cifras e de querer gañar máis diñeiro, aínda que sexa sufragado polo peto dos contribuíntes.