Puente critica a "chantaxe" de Ryanair e di que marcha dos aeroportos pequenos para gañar máis cartos
Puente critica a "chantaxe" de Ryanair e di que marcha dos aeroportos pequenos para gañar máis cartos
Maurici Lucena (Aena): "O baleiro que deixe Ryanair en rutas rexionais vano ocupar outras aeroliñas"
Wilson (Ryanair): "O monopolio de Aena non entende que hai que competir se se quere crecer"
Ryanair debe indemnizar os viaxeiros que tiveran un voo programado e llelo cancelasen
Galicia, unha das comunidades máis afectadas polos recortes de Ryanair, agarda que Aena reaccione
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, afirmou este xoves que Ryanair "seguirá vindo a España e seguirá aumentando o número de viaxeiros, porque lle convén e gaña diñeiro", pero advertiu de que "o que non vai facer é conseguilo coa chantaxe nin coa extorsión ao Goberno" español.
Puente asegurou que Ryanair seguirá operando en España porque lle interesa. Lembrou que o conselleiro delegado da empresa, Michael O'Leary, vai embolsar un bono de 100 millóns de euros. "Mal non lle vai", dixo.
O seu obxectivo, di, é trasladar eses billetes que vai eliminar en aeroportos como os de Santiago ou Vigo a outros de maior volume de tráfico aéreo, co obxectivo de vendelos a un maior prezo.
Puente respectou a decisión empresarial, pero dixo que iso non pode marcar a política aeroportuaria dun país.
O ministro cualificou ademais de "falacia" a acusación da aeroliña irlandesa, que fundamenta a súa decisión de suprimir ou reducir conexións en boa parte dos aeroportos españois a unha suba de taxas aeroportuarias por parte de Aena.
Puente explicou que despois de estar varios anos conxeladas, as taxas subirán a partir do ano que vén 68 céntimos por cada pasaxeiro, unha cantidade que considera asumible pola empresa, tendo en conta que incrementou un 21 %.
"Soster, como fai esta empresa, que deixa de operar en determinados aeroportos porque non pode abordar ese incremento (...) pois é unha falacia bastante groseira", argumentou.
O ministro engadiu que se algunha cidade quere ofrecer subvencións a Ryanair para manter a súa oferta como fai O Porto en Portugal é "libre de facelo", pero aseverou que nin o Goberno vai axustar as súas políticas nin Aena vai destinar parte do seu superávit aos beneficios da empresa.
O último movemento de Ryanair para pechar a súa base de Santiago e manter pechadas as bases de Valladolid e Xerez e reducir a súa capacidade en Asturias, Santander, Zaragoza e Canarias este inverno foi un dos asuntos que saíron a debate na comparecencia do ministro este xoves na Comisión de Transportes do Congreso.
O deputado do BNG, Néstor Rego, mostrou a súa preocupación polo efecto que a decisión da compañía poida ter polas conexións de avións en Galicia, polo que pediu ao ministro revisar a política de taxas do xestor aeroportuaria tendo en conta que rexistra superávit nos seus resultados.
Aena cre que outras aeroliñas ocuparán o oco de Ryanair
O presidente de Aena, Maurici Lucena, asegurou este xoves que o "baleiro" que deixe Ryanair nalgunhas rutas rexionais será ocupado "co paso dos meses" por outras aerolíneas.
Puxo como exemplo o aeroporto de Vigo, que a pesar do "desacougo" xerado pola actitude de Ryanair, "vai mellorar" o seu volume de tráfico porque outras aeroliñas si ven o atractivo do destino.
Lucena desmentiu as acusacións da aeroliña irlandesa sobre unha subida excesiva das taxas aeroportuarias, cualificando a súa estratexia como unha "táctica de alarma" para obter subvencións.
Ryanair reitera os seus ataques a Aena
O CEO de Ryanair, Eddie Wilson, acusou ao presidente de Aena de non comprender a dinámica competitiva do mercado.
"O monopolio de Aena, dirixido por expolíticos como o señor Lucena, non entende que hai que competir se se quere crecer. Prefiren subir taxas e atacar aos seus principais clientes, como Ryanair, en lugar de competir con outros países europeos reducíndoas, o que impulsaría o crecemento, especialmente nos aeroportos rexionais de España, que están case aos 70 % baleiros", afirma.