Publicador de contidos

Publicador de contidos

Protesta no aeroporto de Santiago contra o ERE presentado por Ryanair

Protesta no aeroporto de Santiago contra o ERE presentado por Ryanair

Os traballadores denuncian un expediente “fraudulento” e anuncian que o impugnarán na Audiencia Nacional

O Concello de Santiago e Movemento Sumar expresan o seu apoio ao persoal afectado

G24.gal 20/10/2025 16:53

Decenas de persoas participaron este luns nunha protesta no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro contra o expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado hai un mes por Ryanair.

Os traballadores da compañía, apoiados por sindicatos, representantes políticos e persoal doutros servizos do aeroporto, convocaron unha xornada de folga que derivou nunha marcha polas instalacións da terminal. Durante a mobilización, os asistentes corearon lemas como “co noso traballo non se xoga”, “non ao ERE de Ryanair” e “estamos en folga”.

A manifestación chegou a interromper durante uns minutos o servizo de facturación nos mostradores da aeroliña.

Sen acordo tras a reunión coa empresa

O delegado de Comisións Obreiras e presidente do comité de empresa, Alberto Couceiro, explicou que a reunión mantida o pasado venres con representantes da compañía rematou sen acordo.

Considera “irrisoria” a proposta da empresa, que ofreceu indemnizacións de 30 días por ano traballado cun máximo de 15 mensualidades. “É moi pouco, sobre todo tendo en conta que Ryanair rexistrou marcas históricas de beneficios este último ano”, indicou.

Couceiro denunciou ademais que a compañía “non quere negociar un ERTE e só pensa no ERE”, co obxectivo de despedir o persoal con máis antigüidade e contratar despois traballadores eventuais con peores condicións.

O representante sindical avanzou que o seguinte paso será denunciar e tentar impugnar o ERE na Audiencia Nacional. Segundo explicou, a folga non afectou aos voos pola imposición de servizos mínimos “case do 100 %”.

O sindicato CIG fala dun ERE “fraudulento”

A delegada da Confederación Intersindical Galega (CIG) e membro do comité de empresa, Sofía Miranda, asegurou que o sindicato considera o ERE “fraudulento”. “Non estamos dispostos a perder os postos de traballo e reclamamos a reincorporación do persoal afectado”, afirmou.

Miranda criticou que Ryanair rematase as negociacións de maneira unilateral e insistiu en que a proposta non se aceptará. Segundo indicou, a compañía pretende conservar só entre o 15 % e o 20 % do cento de traballadores de terra. “É absurdo, porque sabemos que na tempada de verán haberá máis voos e non contan co persoal necesario”, advertiu.

Preocupación no Concello de Santiago

A primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, participou na protesta e expresou a preocupación do goberno municipal pola situación laboral no aeroporto e polo futuro do persoal de Ryanair.

Lembrou que a terminal é unha “infraestrutura clave” para a cidade, pola súa xeración de emprego directo e indirecto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade