Publicador de contidos

Publicador de contidos

Folga na sanidade polo estatuto marco dos médicos que propón o Ministerio

Folga na sanidade polo estatuto marco dos médicos que propón o Ministerio

Pretenden visibilizar os múltiples problemas aos que se enfrontan no exercicio da súa profesión, tales como a sobrecarga laboral, condicións indignas de traballo e unha crecente desvalorización do persoal médico e sanitario en xeral

A Xunta cifra o seguimento na sanidade pública galega no 23,5 %

G24.gal 03/10/2025 08:22 Última actualización 03/10/2025 12:58

As organizacións sindicais convocantes da folga de facultativos en Galicia estimaron un seguimento masivo desta protesta, próximo ao noventa por cento no ámbito hospitalario, mentres que a Xunta rebaixou a adhesión a esta convocatoria a un 23,5 % no cómputo da sanidade galega.

A Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) e o Sindicato Médico Andaluz (SMA) convocaron este venres unha xornada de paro como mostra de rexeitamento ao borrador proposto polo Ministerio de Sanidade para reformar o Estatuto Marco que regula as condicións laborais do persoal sanitario, cuxa negociación está encallada. En Galicia, o sindicato O'Mega sumouse a estas mobilizacións, aínda que non existe cuórum na mesa sectorial en relación a esta protesta.

O presidente de O'Mega, Manuel Rodríguez Piñeiro, trasladou, en declaracións a EFE, que a participación nesta folga está "a roldar o noventa por cento" nalgúns ámbitos da atención hospitalaria e concedeu que a cifra diminúe ata o sesenta ou o setenta por cento en atención primaria.

Segundo os datos facilitados pola Conselleria de Sanidade, o 23,5 % dos profesionais médicos dos centros sanitarios galegos adheriuse a esta folga; unha cifra que ascende ao 28,6 % no conxunto de hospitais e diminúe ata o 10,7 % en atención primaria.

Os convocantes desta folga reclaman un estatuto e un ámbito de negociación propios para os médicos, distinto ao do resto de profesionais do Sistema Nacional de Saúde, así como unha clasificación profesional adecuada, unha regulación da xornada laboral que garanta o seu descanso e a súa conciliación laboral, e que as gardas computen para as xubilacións, entre outras cuestións.

O Ministerio de Sanidade ve "inaceptable" a proposta de CESM e SMA de elaborar un texto exclusivo só para os médicos, no que as gardas e a atención de urxencias teñan carácter voluntario, pois entende que deixaría "a continuidade asistencial do Sistema Nacional de Saúde nunha situación de incerteza e arbitrariedade".

Pola súa banda, a Xunta de Galicia trasladou esta mañá o seu "respecto máximo" a esta xornada de protesta e culpou ao Executivo estatal de non negociar desde o "consenso" coas comunidades autónomas e de non atender á necesidade de recoller a "singularidade" do persoal facultativo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade