Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 30.000 docentes do ensino galego non universitario, chamados a folga este xoves

Máis de 30.000 docentes do ensino galego non universitario, chamados a folga este xoves

A Xunta publica uns servizos mínimos que terán que garantir a apertura de todos os centros

G24.gal 24/09/2025 22:23

Máis de 30.000 docentes de centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación están chamados a secundar o paro, convocado inicialmente pola CIG e secundado por STEG.

Desde este último sindicato animan a acudir á manifestación convocada para este xoves a partir das 12.00 horas na praza de Cervantes de Santiago de Compostela, que terminará no edificio administrativo de San Caetano.

A CIG sinalou que con esta folga reivindícase a recuperación de dereitos (nomeadamente o horario lectivo recortado desde os anos 2011 e 2012, nos que se subiron a 25 horas en infantil e primaria e a 18 no resto de ensinanzas) e avanzar noutros relativos á redución de ratios en todas as etapas, incrementar o persoal para atender a diversidade, a eliminación da burocracia e o recoñecemento salarial e profesional que merece o traballo docente.

Pola súa banda, desde STEG din que "a situación de precarización do profesorado e conseguinte mingua da calidade do sistema público de educación continua agudizándose: néganse recursos (principalmente humanos), incúmprense os catálogos que regulan o número de docentes por centro e substitúense prazas estruturais por parches improvisados en forma de contratos a tempo parcial".

Servizos mínimos

A Xunta fixou, nunha orde publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), os servizos mínimos para a folga de profesorado convocada polos sindicatos CIG e STEG para este xoves, que terán que garantir a apertura e peche dos centros escolares.

Respecto diso, explica que o servizo da educación "non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, realízanse outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes públicos".

"Por tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación", engade.

Para garantir isto, como servizo mínimo establécese que os centros docentes permanecerán abertos no seu horario habitual, "coa necesaria presenza nos devanditos centros do director ou directora, ou, no seu caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade