Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mónica García espera que os sindicatos médicos desconvoquen a folga despois de Semana Santa

Mónica García espera que os sindicatos médicos desconvoquen a folga despois de Semana Santa

A ministra de Sanidade subliñou que as comunidades autónomas son as competentes no relativo ás mesas técnicas específicas para o colectivo médico e ás súas retribucións 

EFE/Daniel González EFE/Daniel González
G24.gal 27/03/2026 11:31

A ministra de Sanidade, Mónica García, espera que tras a reunión deste xoves entre o seu departamento e o Comité de Folga médico, os sindicatos "cumpran" co seu parte e desconvoquen a folga contra o Estatuto Marco despois de Semana Santa.

"Creo que desde o Ministerio de Sanidade cumprimos coa nosa parte, agora tócalles aos sindicatos médicos cumprir coa súa parte. E toda lóxica diría que despois de Semana Santa desconvocarán as folgas", sinalou García en declaracións aos xornalistas antes do inicio do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS).

No entanto, Mónica García recoñeceu que, dentro do Comité de Folga, existen posturas distintas: "algúns sindicatos mostran unha vontade clara de poñer fin ao conflito e continuar pola vía do diálogo", mentres que outros non garanten a desconvocatoria da folga.

"Onte trasladáronnos que algúns deles, independentemente de que o Estatuto Marco se manteña ou se retire, teñen intención de continuar coas mobilizacións. Isto fai que se dilúa en parte o sentido da folga e cal é, en realidade, o seu motivo principal", manifestou a titular de Sanidade.

Tras iso, García resaltou durante o CISNS deste venres o seu Ministerio e as comunidades autónomas continuarán co diálogo para intentar resolver o conflito. Neste punto, lembrou que "moita parte das reivindicacións dos sindicatos médicos" corresponden ás competencias das comunidades autónomas.

"Os propios sindicatos pedíronnos que hoxe no Consello Interterritorial traslademos as súas reivindicacións, que son exclusivamente das comunidades autónomas, e obviamente ímoslles pedir tamén que se posicionen nos puntos que lles corresponden", apuntou García.

Neste contexto, a ministra subliñou que as comunidades autónomas son as competentes no relativo ás mesas técnicas específicas para o colectivo médico, así como en materia de retribucións dos profesionais sanitarios.

"Vímolo sinalando desde o principio, ao longo das 25 reunións mantidas cos integrantes do Comité de Folga, desde o Ministerio de Sanidade incorporamos as súas principais reivindicacións ao Estatuto Marco. No entanto, este non abarca a totalidade das demandas expostas polos sindicatos", engadiu.

Para rematar, García reiterou que confía na "boa fe negociadora" co Comité de Folga e que tras Semana Santa os sindicatos comecen coa desescalada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade