A CIG mantén a folga deste xoves en atención primaria tras non lograr un acordo con Sanidade
Ambas as partes volverán reunirse e seguirán negociando o incremento de persoal en todas as categorías profesionais, melloras retributivas e axustes na xornada e a cobertura asistencial.
A Consellería de Sanidade e a Confederación Intersindical Galega non conseguiron achegar posturas na reunión que mantiveron este mércores e o sindicato segue mantendo a convocatoria de folga para este xoves en atención primaria xunto cunha concentración en Santiago de Compostela a partir das 11.00 horas.
Na xornada de mobilización están convocadas todas as categorías profesionais deste nivel da sanidade pública galega para esixir a adopción de melloras nas condicións laborais e organizativas.
É o segundo paro tralo primeiro que convocou a CIG o pasado 12 de marzo e, de non alcanzarse un acordo antes, volverá repetirse os días 9 e 23 de abril.
De momento non se dan as condicións para un acordo, segundo a CIG
Segundo declarou a EFE a secretaria nacional de CIG-Saúde, Ana Lestón, ao remate da reunión deste mércores, a intención da súa organización é continuar negociando coa Consellería de Sanidade e indicou que foron citados para unha nova reunión este xoves.
"Hoxe por hoxe non se dan as condicións para desconvocar, polo que se mantén a convocatoria de folga", afirmou Lestón, que dixo que a administración autonómica non aceptou, polo momento, a táboa de propostas presentada con medidas para o persoal médico e outras categorías profesionais.
Entre as reivindicacións que este sindicato dá por desatendidas están cuestións como dotar á atención de primaria de "maior autonomía" organizativa e de xestión, o incremento de persoal en todas as categorías profesionais, melloras retributivas e axustes na xornada e a cobertura asistencial.
O conselleiro de Sanidade di que a CIG é o único sindicato fóra dos acordos
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou este mércores a súa invitación á CIG para que pase a formar parte dos grupos de reforma xa creados e incidiu en que este sindicato é agora o único que nestes momentos mantense fóra dos acordos para traballar na organización da atención primaria.