A CEP denuncia falta de vontade para considerar de risco a profesión de policía
O secretario rexional da Confederación Española da Policía afirma que melloraría as condicións laborais dos axentes
Agustín Vigo defende a actuación policial no partido Deportivo-Andorra tralas críticas da alcaldesa da Coruña
A CEP pídelle ás autoridades pedagoxía para que a poboación entenda que os axentes están para axudar
O secretario en Galicia da Confederación Española da Policía, CEP, denuncia falta de vontade política para que a Policía Nacional sexa considerada unha profesión de risco. Un recoñecemento co que xa contan as policías locais, algúns corpos autonómicos, como a Ertzaintza e os Mossos d’Esquadra, e os bombeiros.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Agustín Vigo asegurou que o Goberno rexeitou en 71 ocasións aprobar esta catalogación que suporía vantaxes para os axentes feridos en acto de servizo e unha mellora nas condicións de xubilación.
“Non estamos pedindo nada do outro mundo, estamos pedindo que cando nos manquemos, cando a nosa capacidade para traballar xa non sexa válida, que non quedemos nunha situación moi apertada….Nós cremos que non só falta vontade política senón que tamén hai xenreira porque nestes últimos anos estamos vendo que nos tratan de forma miserable, están a desprezarnos e a negarnos o pan e o sal”.
O responsable da CEP en Galicia asegura que se senten “abandoados” e explica que se viron obrigados a acudir á Unión Europea para conseguir o recoñecemento.
Agustín Vigo sinala que lles propuxeron ás autoridades comunitarias que a profesión de policía sexa considerada de risco en toda a Unión e que tamén se cree a figura do “eurodelito” que englobe todos os delitos contra as forzas e os corpos de seguridade.
“Conseguimos que países como Alemaña nos apoien e agora a cousa está bastante avanzada. Esperamos que nun par de anos saia unha directiva para a consideración de profesión de risco en toda Europa e outra para o eurodelito. Pola información que temos, vai por bo camiño"
O secretario xeral da CEP en Galicia acusou o Goberno de dilatar as negociacións para gañar tempo e asegura que non volverán dialogar "ata que nos poña enriba da mesa prazos concretos e solucións concretas”.
“O que quere este Goberno unica e exclusivamente é gañar tempo.Ten xa demasiadas frontes abertas e marea a perdiz. Nós, en 2024, levantámonos da mesa e dixemos que o señor Marlaska o único que ten que facer nestes momentos é dimitir. Non é un interlocutor válido”
Partido Deportivo-Andorra
Agustín Vigo denfendeu, na Radio Galega, a actuación policial no partido que enfrontou, o pasado domingo 17 de maio, ao Deportivo e ao Andorra.
O responsable en Galicia do sindicato policial CEP tildou de irresponsable a actitude da alcaldesa Inés Rey que cualificou o dispositivo policial de desproporcionado xa que o encontro non estaba cualificado de alto risco.
Agustín Vigo explicou que o operativo estaba xustificado e que cumpriu coa Lei do Deporte. Engadiu que a Unidade de Intervención Policial da Coruña “está moi ben formada e preparada” e que acostuma ir aos partidos do Barcelona, do Madrid e da Champions.
“O que está facendo con iso é conseguir que aqueles que xa non nos teñen ningún cariño se sintan reforzados para agredirnos máis e que nos consideren os seus inimigos cando os axentes estamos alí para que toda a xente poida gozar do fútbol, pasar un bo momento e para que non haxa desgrazas”
Agustín Vigo indicou que se a rexedora considera que actuaron mal que acuda aos tribunais porque “os policías estamos suxeitos á lei coma calquera persoa e temos un réxime interno”.
O secretario rexional da CEP pediulles ás autoridades que fagan pedagoxía para que a cidadanía non vexa aos axentes como inimigos.
“As autoridades teñen que facer que a xente vexa que a súa policía está para axudarlle. Este tipo de críticas o que fan é moito dano e poden acabar producindo lesións á policía e algunha pode ser moi grave”.
Agustín Vigo lembrou que reclamaron a reprobación de Inés Rey.
Máis medios
O responsable sindical admitiu que a policía conta no seu cadro de persoal con máis efectivos con respecto aos últimos anos pero que mermaron as patrullas.
Segundo explicou, moitos axentes realizan tarefas administrativas ante a falta de funcionarios da Administración Xeral que optan por prazas máis atractivas noutros ministerios.
“É un gasto absurdo de diñeiro, formar un policía, as responsabilidades e o soldo dun axente son maiores que as dun funcionario civil do Estado. Estamos malgastando o diñeiro. Temos que estar dentro para facer os DNIs… Entón, as patrullas en vez de crecer, mermaron. Hai menos policías na rúa e máis nas oficinas”
Agustín Vigo indicou que en Galicia fan falta máis efectivos e un remozamento do corpo.
“Galicia, por facer ben o traballo, non pode saír castigada. Aquí fan falta máis policías pero bastantes máis. Hai que ter en conta que os axentes chegan aquí cunha media de 40 anos. Si, hai moita experiencia profesional pero ten que haber sangue nova porque en moitas intervencións a forma física e a xuventude axudan bastante”
Un problema que tamén sofren no resto de España, segundo afondou.
Tras a morte de dous gardas civís que perseguían unha narcolancha en Huelva, Agustín Vigo sinalou que “non hai suficientes medios” e que os axentes galegos mesmo acoden a reforzar o servizo no sur do país.
“Non hai suficientes medios, pódese ver claramente e mesmo os policías de Galicia estamos a reforzar a zona de Cádiz e de Huelva. Unidades da policía galega van continuamente. Estamos rotando as Unidades de Prevención e Reacción porque a situación alí abaixo, agora mesmo, é moi complicada”
O secretario rexional do CEP tamén reclamou máis protección para os axentes.
“Non pode ser que teñas unha intervención e teñas a desgraza de sacar a arma e que comece un calvario que pode durar 4, 5, ou 6 anos porque iso esnaquiza un policía, xa se perde, psicoloxicamente acabouse o policía”
Agustín Vigo referiuse ó estado das comisarías. Sinalou que na de Pontevedra, “os vehículos policiais non entran e hai que metelos a empurróns” e tamén se referiu á situación das instalacións de Santiago que houbo que trasladar temporalmente por mor do incendio rexistrado no inmoble.
O secretario rexional da CEP pediu que a reforma destes inmobles se acometa atendendo ás novas necesidades e facilitando o acceso aos cidadáns.
“Estamos no século vinteún e non podemos facer as obras pensando no século dezanove. Veñen as novas tecnoloxías, os drons, a intelixencia artificial, novos tipos delituosos. Hai que facer unhas instalacións en condicións, que a xente poida chegar a elas, que non teña que pagar un taxi ou pagar un mineral por aparcar”
O sindicato continúa, entretanto, coas concentracións a prol da dignificación policial. A semana que vén os axentes están chamados a concentrarse na Coruña logo de facelo xa en Santiago, en Ribeira ou en Pontevedra .