Comeza en Vigo a folga indefinida do servizo de lixo e limpeza viaria
O paro bota a andar seis días antes do desfile do Día das Forzas Armadas que se vai celebrar na cidade
Os sindicatos reivindican a xubilación parcial aos 60 anos e unha actualización dos salarios segundo o IPC
A empresa que ten a concesión da recollida de lixo no concello de Vigo acaba de comezar unha folga indefinida. E faino nunha semana importante para a imaxe da cidade, a da celebración, o vindeiro sábado, do desfile do Día das Forzas Armadas.
Hai dez días o comité de empresa de FCC, a concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria municipal, anunciaba a folga indefinida que comezou este domingo ás 6:00 horas.
Coa presenza de 300 traballadores e por unanimidade votaron en asamblea esta folga, unha vez rotas as negociacións para renovar un convenio colectivo que caducou o 31 de decembro de 2025.
Fronte á empresa, a parte social reivindica a xubilación parcial aos 60 anos, recoñecida no anterior convenio, hai vinte anos, xa que o 80% dos 600 empregados fan traballos físicos.
Ademáis, segundo a CIG, o presidente do Comité de empresa representa este sindicato, reclaman darlle máis traballo ás persoas que teñen xornada parcial e unha actualización dos salarios segundo o IPC.
"Os servizos mínimos son os que pactamos entre os traballadores e a empresa e a responsabilidade e que se recolla ou non o lixo é que a empresa chegue a un acordo con nós satisfactorio e o lixo que se acumule é responsabilidade dela. Hai un terceiro actor que é o titular da concesionaria, que é o Concello de Vigo, e agardamos que tamén inste á empresa a que se sente a negociar dentro dun termos razoables, que son sempre os que negociamos entre os traballadores e a empresa, dado que son unhas datas sensibles a nivel da imaxe da cidade", argumenta a TVG Xacobe Rodríguez Vila, membro do comité de folga e delegado sindical da CIG.