A partir do martes poderase reservar praza nos centros infantís da Xunta para o próximo curso
Ofertaranse 10.500 prazas nas escolas infantís para o curso 2026/27
Este será o quinto ano no que a atención educativa será 100 % gratuíta , independentemente da titularidade dos centros
O vindeiro martes, 17 de marzo, ábrese o prazo para solicitar unha das máis de 10.500 prazas que se ofertan nas escolas infantís públicas autonómicas para o próximo curso 2026/27.
Este será o quinto período escolar no que a atención educativa será 100 % gratuíta para todos os nenos e nenas para todas as escolas, independentemente da súa titularidade, informa o Goberno galego nunha nota por mor dun vídeo difundido hoxe en redes sociais no que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliña a aposta do seu Goberno pola gratuidade da educación en todas as etapas ata a universidade.
No vídeo, o responsable autonómico destaca que "aquí podes ser o que queiras ser, e en Galicia defendémolo con feitos".
Nas imaxes, gravadas en diferentes centros educativos da cidade de Pontevedra, Rueda lembra a importancia de cada etapa educativa.
Con respecto á universidade, apunta que desde o curso 2024-25, a matrícula é gratuíta en Galicia.
Así, a Administración autonómica consolida este curso a gratuidade da matrícula universitaria de grao e dos Ensinos Artísticos Superiores, cuns 20.000 estudantes beneficiarios no primeiro ano de implantación.