Cae en picado a venda de dicionarios en papel
O uso residual dos dicionarios en formato papel so é obrigatorio na etapa de primaria
A consulta dixital é máis barata, rápida e inmediata e está dispoñible en calquera lugar e momento
Seguen estando presentes en case todas as casas, pero na maioría só para amorear po. Os dicionarios en formato físico son case unha reliquia do pasado e custa atopar xente que aínda faga uso deles.
"Si, teño un de galego-castelán que uso de vez en cando".
"A verdade é que nada, decorar".
"Xa non teño na mente pillar un libro".
"Se teño que buscar algo sempre lle pregunto ao móbil, non uso dicionario en papel", comentan varias persoas.
Preguntamos cando foi a última vez que consultaron un.
"Uffff non recordo".
"Xa hai moito que non o utilizo. Utilizábao en primaria porque era obrigatorio".
Eses, os de uso escolar obrigatorio son os que aínda manteñen en pé as vendas, que descenderon nos últimos 20 anos case un 70 %.
"Ao mellor vendías máis de cen así sobre todo a principios de curso, e agora ao mellor vendes 50, ou menos. Antes en Filoloxía por exemplo vendías unha cantidade tremenda, iso claro que baixou, ao mellor agora vendes algún de vez en cando", explica Eva María Mayo, libreira.
A consulta dixital ten vantaxes incontestables e sempre está actualizada.
"Podes levalo a todas partes, está aí sempre e tes acceso a un montón de información ", apunta unha rapaza.
Con todo, o uso en papel, tamén é importante sobre todo para os máis pequenos.
"Axúdalles a aprender a buscar, aprender a ter paciencia tamén porque en Internet buscas a palabra e xa aparece, pero tamén teñen que aprender a atopar as cousas, buscar e esforzarse", reflexiona outra.