Milleiros de persoas esixen en Oviedo a fin da peaxe na AP-66, en situación semellante á AP-9
O presidente do Principado participou na manifestación
A Comisión Europea ditaminou en xullo a ilegalidade das prórrogas das concesións das autoestada AP-66, en Asturias, e a AP-9 en Galicia
O ditame non é vinculante pero o Executivo comunitario pode elevar a causa ata o Tribunal de Xustiza da Unión

Milleiros de persoas manifestáronse este venres no centro de Oviedo, convocadas por preto dunha trintena de organizacións políticas, sociais e económicas, para esixir a supresión da peaxe da autoestrada AP-66, coñecido como o Huerna e que une Asturias con León.
Ao remate da manifestación leuse un manifesto en defensa da supresión da peaxe tras o recente ditame da Comisión Europea, que concluíu que a prórroga acordada no ano 2000 incumpriu a normativa comunitaria.
A protesta foi impulsada polas organizacións que integran a Alianza polas Infraestruturas do Principado baixo o lema 'Asturias unida. Fin á peaxe do Huerna' e nela participaron, entre outros, o xefe do Executivo asturiano, Adrián Barbón, e membros do seu Goberno, representantes dos grupos parlamentarios, os sindicatos e a patronal, así como responsables de organizacións empresariais e sociais.
A Comisión Europea deu o pasado mes de xullo un ultimato a España no que advertía de que levará ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) se non modifica as concesións das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-66 porque, segundo entenden, son contrarias ás normas europeas de licitación pública.
O Goberno de España descartou xa en varias ocasión o rescate das dúas autoestradas. O ministro de Transportes, este xoves, volvía facelo. Engadía Óscar Puente que tampouco valoraban unha bonificación do 100% para facelas gratuítas para os usuarios.
España estendeu no ano 2000 as concesións á AP-9 (Galicia) e á AP-66 (que une Asturias e León) por 25 e 29 anos respectivamente e despois vendeu as concesionarias sen abrir un proceso de licitación nin publicalo no Diario Oficial da UE, tal como esixe a directiva sobre contratos públicos, de acordo ao ditame da Comisión Europea.