Publicador de contidos

Publicador de contidos

Puente volve descartar o rescate de autoestradas como a AP-9 e tampouco valora a súa gratuidade

Puente volve descartar o rescate de autoestradas como a AP-9 e tampouco valora a súa gratuidade

A bonificación ao 100 % "equivalería ao mesmo que o rescate, incluso podería chegar a ser máis caro"

O presidente da Xunta cre que é incomprensible manter a peaxe da AP-9 e destaca que xa se fixo noutras autoestradas de España

G24.gal 16/10/2025 10:47 Última actualización 16/10/2025 12:30

O ministro de Transportes, Óscar Puente, volveu descartar este xoves o rescate das concesións de autoestradas como a AP-9 e dixo que tampouco valora bonificalas ao 100 % para facelas gratuítas para os usuarios porque asegurou que "equivalería ao mesmo que o rescate, incluso puidera chegar a ser máis caro".

Nunha entrevista en Onda Cero, ao ser preguntado polas demandas do Principado de Asturias sobre a autoestrada AP-66, de León a Oviedo, Puente dixo que "o que se nos pide é que rescatemos unha concesión que ten de vixencia ata o ano 2050, o que ten unhas consecuencias económicas e xurídicas moi concretas". E, engadiu, "a AP-66 está nunha situación practicamente idéntica a do resto de autoestradas do noso país. Porque rescatar a AP-66 e non a AP-9, ou a AP-7 en Málaga?". 

"Son concesións prorrogadas no ano 2000 por José María Aznar", destacou o ministro. "Rescatar esa concesión ten un contido económico e xurídico que nós non podemos neste momento afrontar", dixo Puente, quen sinalou que "arrastraría [o rescate da autoestrada asturiana] o resto das concesións".

"Nós tomamos decisións en materia das autoestradas moi claras: ao vencemento de cada concesión non renovamos. Cando chegamos ao Goberno había 2.400 quilómetros de autoestradas de peaxe, e liberáronse 1.000".

Sobre o rescate asegurou que "hai un terceiro que ten uns dereitos adquiridos e iso ten que resolverse xuridicamente e cunhas indemnizacións verdadeiramente disparatadas".

"Eu son o dos transportes, non o dos cartos", chanceou Puente, quen asegurou que "se alguén nos di de onde sacamos os 20.000 ou 30.000 millóns que custaría rescatar as autoestradas españolas, pois fenomenal".

Puente destacou as bonificacións implantadas, pero descartou que sexa do 100 %, o que na práctica suporía a gratuidade para os usuarios porque "suporía un pagamento en diferido que equivalería ao mesmo que o rescate, incluso puidera chegar a ser máis caro".

O presidente da Xuntam Alfonso Rueda, referiuse ao "clamor" para rescatar as diferentes autoestradas do norte de España, como a AP-9, suxerindo que se esta reivindicación fóra en Cataluña, "sería doutra maneira".

Isto prodúcese despois de que o ministro de Transportes, Óscar Puente, dixese este mércores no Congreso que non contempla tomar ningunha decisión sobre a autoestrada do Huerna, en Asturias e que ten unha situación similar á AP-9, ata que se pronuncie o Tribunal Superior de Xustiza Europeo.

En calquera caso, Rueda cre que esta situación ten que resolverse "dunha soa maneira": "Que é levantando estas peaxes, igual que se fixo noutras zonas de España".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade