Ryanair debe indemnizar os viaxeiros que tivesen un voo programado e llelo cancelasen
Os viaxeiros que tiñan billetes para os voos de Ryanair cancelados teñen dereito a reembolso do importe do billete ou a que os transporten nun medio alternativo o máis rápido posible
A partir do 26 de outubro, Ryanair deixará só cinco rutas en Santiago e abandonará Vigo
Galicia é unha das comunidades autónomas máis afectadas polos recortes de Ryanair. A partir do 26 de outubro, os aeroportos galegos perderán arredor de 1.250.000 prazas, deixando só 5 rutas en Santiago e abandonando Vigo. Agora a pregunta é clara: como vai afectar esta situación a Galicia?
"Isto xa afectou. No momento en que Ryanair chega a un aeroporto e enche as rutas cos seus propios voos, o que provoca é que as outras compañías que estaban operando nos aeroportos marchen, porque non poden competir. Entón o problema agora non é que marche Ryanair, o problema é que xa marcharon as outras", comenta Xiada Pulleiro, axente de vendas.
Gran parte dos voos a partir desa data canceláronse e Ryanair debe indemnizar aos afectados, pero, tendo en conta os dereitos principais dos consumidores, como han de ser estas compensacións?
"Poden pedir o reembolso do importe do billete, se xa o abonaron, ou que os transporten nun medio alternativo no máis rápido posible. Isto é a elección do consumidor", conta Ileana Izverniceanu, directora de comunicación da OCU.
Os viaxeiros móstranse afectados e con incerteza sobre o futuro, pero xa están barallando outras opcións para desprazarse.
"Si que pensaba voar no Nadal. Non tiña comprado o voo, pero a idea era esa, entón ou o cambiarei ou virei noutro transporte", di unha viaxeira.