Situación límite nun barrio da Coruña por un narcopiso
Os veciños aseguran que padecen roubos, pelexas e inseguridade desde hai ano e medio
O último incidente, unha lea con coitelos na noite deste mércores, requiriu a presenza de seis patrullas policiais
"Once e media da noite, dous individuos correndo polo barrio con coitelos, seis patrullas da Policía Nacional... isto é de tolos".
É o resumo, apoiado en probas gráficas, que fai unha veciña do último episodio dun serial dramático que na Sagrada Familia levan padecendo ano e medio. O epicentro desta situación insostible é un portal, o número 11 da rúa que lle dá nome ao barrio, en cuxo baixo, aseguran, se trafica con droga. De aí derivan os atracos, as pelexas e o consumo a plena luz do día. Un inferno cotián.
"Contactamos coa Policía Nacional, co Concello, puxemos denuncias, mandamos incluso vídeos e imaxes do que sucede. Fixeron un par de redadas, leváronos detidos varias veces, porque son dous irmáns os que vivían aí... pero atopámonos con que media hora despois como quen di, están de volta", lamenta outro residente da zona.
Unha señora que vive no portal do lado e só accedeu a falar de costas, acabou por instalar unha cámara no interior seu coche para intentar disuadir os que forzan a porta para roubar o que atopan. Nin así conseguiu evitalo. O seu é un dos testemuños máis resignados: "A policía non pode facer nada, vén, para..., pero teñen as mans atadas, non poden facer nada".
Desde a asociación de veciños cren que é tempo de que as autoridades lle poñan solución ao problema. "Despois de ano e medio apoiando os veciños e enviándolles probas de todo tipo ao Concello, a Seguridade Cidadá, vemos que non houbo un final grato para ninguén", contounos Juan Rodríguez, o seu presidente.
E son moitos os que pensan que esta espiral de tensión pode ter consecuencias fatais: "Vai pasar algo grave. Porque ata o de agora aos nosos fillos non lles pasou nada, pero eu, como nai, non sei como respondería se lles pasa algo". "Non sei se hai que cambiar as leis ou aplicalas doutro xeito ou que hai que facer, pero así non podemos seguir". "Señores xuíces, fagan algo dunha vez. Ministerio do Interior, subdelegada do Goberno, quen sexa, que faga algo xa!".