Publicador de contidos

Publicador de contidos

Outro golpe ao tráfico polo miúdo na Coruña, cun detido por vender cocaína e heroína

Outro golpe ao tráfico polo miúdo na Coruña, cun detido por vender cocaína e heroína

O arrestado vendía dentro e fóra da casa, provocando inseguridade na veciñanza

O portal era un ir e vir de toxicómanos que ían comprar directamente para o seu propio consumo

G24.gal 10/03/2026 14:30

Hai pouca imaxe, pero moito veciño, para quen non pasou desapercibido o movemento policial na porta dun edificio da avenida de Finisterre, preto xa da rolda de Outeiro. Era moi cedo. 

"Sobre as sete da maña, ía para o traballo, e vin pola rúa Barcelona tres furgóns de policía baixando. Ían para o portal que está pegado ao estanco", conta unha testemuña.

"Vin aquí policías na porta e dous ou tres subindo no ascensor e cando dei a volta na esquina había dúas furgonetas de policía e un turismo e había uns oito ou dez policías", confirma outro home do mesmo portal.

Quen máis e quen menos soubo a que andaban. O portal leva tempo sendo un ir e vir de xente. 

"Aquí vemos entradas e saídas de xente que non vive aquí, e que sobe, e xente que ao vela xa sabes ao que vén", engade o veciño.

"Este punto distribuía droga ao consumidos final, é dicir, xente que compraba para consumo propio. Eran pequenas doses de cocaína e de heroína, que son drogas que teñen un grande risco para a saúde", explica Inés Amor, voceira da Policía Nacional

Un detido, varias doses de cocaína e cartos, 2.500 euros en efectivo. Non son os números que deixan as grandes operacións contra o narcotráfico, pero estes pequenos golpes son un respiro merecido para a veciñanza. 

"O seu desartellamento ten grande importancia, sobre todo, para a tranquilidade da veciñanza, que pode estar influída pola inseguridade que leva ter estes puntos negros que traen outro tipo de delincuencia. Pode haber roubos con violencia, roubos con forza ou tamén pelexas", advirte Amor.

Na avenida de Fisterra era un segredo a voces, porque o detido vendía na casa pero tamén fóra, á vista da xente.  Din que estes días se relaxou o sube e baixa no edificio, pero o certo é que o home, con antecedentes, volve estar na rúa.

"Dá un pouco de medo, un pouco de ansiedade..., non quixeras ter esto no edificio", confesa un home que comparte portal.

O cerco ao tráfico de drogas polo miúdo forma parte dun plan da Policía Nacional a nivel galego. O ano pasado, desartellaron 125 puntos semellantes a este.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade