A defensa do armador do Simione desbota conexión co narcotráfico do Salnés
Á espera da declaración do suposto líder no xuízo que arrancou este luns
Á espera da declaración do suposto líder da rede de narcotráfico, a sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra centrou a segunda xornada do xuízo nas probas incautadas no buque Simione, nos rexistros nos domicilios dos acusados e o operativo de vixilancia da Garda Civil. Os cinco encausados pola operación en que se incautaron case tres toneladas de cocaína afrontan un total de 56 anos de cárcere.
O principal acusado é o armador do Simione, un empresario residente en Vigo que solicitou declarar ao final do xuízo tras coñecer todas as probas incriminatorias. A súa defensa tratou hoxe de poñer en dúbida a cadea de custodia das probas incautadas e desbotar as súas supostas relacións coas redes do narcotrafico da ría de Arousa.
A Fiscalía pide entre 11 e 13 anos de cárcere para os cinco acusados tras a operación das unidades de elite da Garda Civil que acabou coa incautación de tres toneladas de droga cando o pesqueiro estaba en augas de Tenerife.
O capitán do barco chegou a dicir na súa declaración de onte que o Simione estaba maldito, polos continuos problemas mecánicos que sufriu na travesia dende Dakar, e mesmo por sufrir un motín de parte da tripulación que subiu nesa cidade cando se decataron de que non ían pescar, senón que levaban un cargamento de droga. De feito, recibiu dúas coiteladas antes de que estes abandonasen o barco.
O xuízo continuará mañá, á espera da declaración do suposto líder da trama.