Publicador de contidos

Publicador de contidos

A economía dos equilibrios imposibles

OPINIÓN

A economía dos equilibrios imposibles

Foto de arquivo/Miguel Ángel Rodríguez/Europa Press
María Bastida 04/09/2025 08:52

Cando Ryanair anuncia que pecha bases en Vigo e Santiago e recorta 1,25 millóns de prazas en Galicia, o primeiro que sentimos é vertixe. A aeroliña que lideraba o tráfico aéreo na nosa comunidade autónoma desmantela gran parte da súa operativa e faino cunha mensaxe inequívoca: España é demasiado cara para voar barato.

Non podemos obviar a lectura desta crise en clave de incentivos. Aena, cun 80 % do tráfico concentrado en dez grandes aeroportos, compórtase como o que é: un monopolio con beneficios récord. As súas taxas, que serán un 6,62 % máis altas en 2026, son o prezo de manter unha rede complexa, pero tamén o síntoma dun modelo que desatende a periferia. Ryanair, pola súa banda, aplica o seu manual habitual: presión, ultimato e, finalmente, retirada estratéxica cara a mercados onde os custos son menores e a rendibilidade maior.

En realidade, non estamos ante un caso illado. O mesmo ocorre en Italia, Croacia ou Irlanda: as aeroliñas moven frota a gran velocidade alí onde atopan mellor encaixe de custos. A globalización aérea funciona como un mercado financeiro: o capital, ou neste caso os avións, ratribúese en cuestión de meses. E quen non axusta os seus incentivos queda atrás. Pero claro, mentres Italia ou Suecia baixan taxas para atraer voos, España sóbeas en pleno récord de beneficios. Incentivos ao revés. Non hai romanticismo no baixo custo, só matemáticas.

O problema é que nesa ecuación Galicia sae perdendo. A cancelación de rutas directas e o peche da base compostelá erosionan a nosa conectividade internacional e devólvennos á dependencia de Madrid e Barcelona, xusto cando deberiamos reforzar a proxección exterior das nosas cidades. O Porto emerxe como alternativa natural, pero queremos resignarnos a que o aeroporto portugués sexa a gran porta do noroeste?

Convén sinalar que Ryanair non se vai porque non haxa demanda, vaise porque o marco institucional non lle resulta atractivo. E aquí ábrese un debate incómodo: deben as institucións, estatais, autonómicas ou locais, subvencionar ou bonificar voos para garantir conectividade? A experiencia dinos que as axudas mal deseñadas acaban sendo pan para hoxe e fame para mañá e xeran competencia desleal entre aeroportos veciños.

A saída intelixente pasa por deseñar unha política aeroportuaria común para Galicia, con criterios de eficiencia e complementariedade, non de localismo. Non se trata de salvar a Ryanair a calquera prezo, pero si de garantir que o mapa aéreo galego non dependa de decisións tomadas en Dublín ou en Madrid, á marxe da nosa realidade económica.

A ensinanza deste pulso é clara: Aena defende a súa rendibilidade, Ryanair defende a súa e no medio queda Galicia, que arrisca investimento, emprego e proxección. En economía, cando os incentivos están mal aliñados, o resultado sempre é ineficiencia. E iso é, precisamente, o que estamos xogando.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade