Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bustelo de Fisteus, en Quiroga, recupera poboación como aldea modelo

Bustelo de Fisteus, en Quiroga, recupera poboación como aldea modelo

Subvencións da AGADER que cobren a metade dos custos facilitan a rehabilitación de vivendas e a implantación de negocios

Aida Marcos puido retornar á súa aldea natal, a onde trasladou a súa imprenta
Félix Aragunde 03/09/2025 20:59 Última actualización 03/09/2025 21:13

Ás portas da serra do Courel encóntrase Bustelo de Fisteus, en Quiroga, que é unha das 21 aldeas modelo existentes actualmente en toda Galicia.

Con axudas da AGADER que cobren arredor da metade dos custos, a dona dunha imprenta puido retornar ao lugar onde nacera e trasladar tamén o seu negocio dende a área metropolitana de Vigo.

"Fóronme animando con que ían sacar liñas de axuda para empresa que se instalaran nas aldeas modelo e con que era unha boa oportunidade. Solicitei a axuda, concedéronma, iniciei as obras e o ano pasado trasladeime aquí dende a Ramallosa, en Nigrán", conta Aida Marcos, dona dunha imprenta e veciña de Bustelo. 

Outras persoas seguen agora os pasos desta pioneira e decidiron asentarse tamén en Bustelo. Entre eles, tanto emigrados como foráneos, que xa están a arranxar as casas que herdaron ou adquiriron.

"Porque vin que a veciña se animou a restaurar parte das súas propiedades. Pouco a pouco, a ver se é posible que a aldea rexurda", sinala Emilio Rodríguez, dono dunha vivenda no núcleo quirogués. 

Aproveitando os soutos que rodean o lugar, outro negocio que se implantou neste núcleo é unha explotación de porco celta. Prevese que a Bustelo e ao resto das aldeas modelo activas, se sumen outras sete xa en fase de recollida de firmas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade