Arranca a vacinación infantil da gripe cun programa piloto por vía intranasal
Medio centro de escolas participan no proxecto que podería estenderse a outros centros no futuro
Tamén bota a andar a campaña de vacinación para persoas inmobilizadas de calquera idade
A campaña de vacinación infantil fronte á gripe empeza este luns en Galicia para a poboación de entre 6 meses e 11 anos e inclúe un programa piloto de inmunización por vía intranasal nas escolas.
A Consellería de Sanidade prevé a vacinación de 215.000 menores nos centros de saúde, ademais dos 19.000 que van participar no proxecto experimental coa fórmula intranasal en 55 centros educativos.
Nos colexios seleccionados facilitarase esta vacina de xeito voluntario ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de primaria, co obxectivo de alcanzar unha cobertura do 70% dos nados entre 2014 e 2022.
En función das coberturas de inmunización alcanzadas, a Xunta avaliará estender o programa ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

Os 55 centros que participan no programa foron seleccionados por teren unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias.
En concreto, nove pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee; dous á de Ferrol; nove á de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña; 10 á de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 6 á de Pontevedra e O Salnés; 8 á de Vigo, e 11 á de Santiago de Compostela e Barbanza.
Equipos de enfermería de cada área encargaranse de administrar estas vacinas que, segundo a Consellería, teñen maior aceptación ao evitaren a picada.
Persoas inmobilizadas
Este luns tamén está previsto que bote a andar a campaña de vacinación para persoas inmobilizadas de calquera idade e para as que exerzan dos seus coidadores principais.
A partir do 20 de outubro, citaranse as persoas de máis de 70 para vacinarse no seu centro de atención primaria e abrirase tamén a campaña para o persoal sanitario e as persoas en situación de inmunodepresión.