Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hotusa compra o poboado do encoro de Belesar para rehabilitar vivendas para o seu persoal en Chantada

Hotusa compra o poboado do encoro de Belesar para rehabilitar vivendas para o seu persoal en Chantada

A operación busca facilitar o crecemento da sede local, con máis de 270 traballadores

A compañía aposta por reforzar o vínculo co territorio e dinamizar a zona

G24.gal 03/09/2025 19:36

O Grupo Hotusa adquiriu o antigo poboado do encoro de Belesar, coñecido como ‘poboado Fenosa’, co obxectivo de rehabilitar as vivendas e destinalas ao persoal da súa oficina de Chantada. Segundo explicou nun comunicado, a operación responde á vontade de “facilitar o crecemento do proxecto de Chantada, onde xa traballan máis de 270 persoas, e seguir apostando por ese sólido proxecto”.

A compañía subliña que a rehabilitación permitirá dar resposta ás necesidades de aloxamento do seu persoal e, ao mesmo tempo, contribuír a dinamizar a zona, reforzar o vínculo da empresa co territorio e garantir a sostibilidade da súa expansión en Galicia.

Un proxecto consolidado en Chantada

Grupo Hotusa xestiona actualmente 25 hoteis en Galicia e conta con cinco oficinas corporativas en Chantada, Lugo, Monforte de Lemos, A Coruña e Vigo.

A sede chantadina naceu en novembro de 2012, nun dos proxectos máis ambiciosos da compañía, apostando polo potencial da localidade e da súa xente nova.

No décimo aniversario presentouse o documental Chantada, historia de un proyecto empresarial de Grupo Hotusa.

A empresa reivindica ademais o seu papel pioneiro na descentralización dos centros de traballo das grandes cidades e na incorporación de dinámicas de teletraballo.

Desde 2014, o grupo colabora con diferentes centros educativos de FP Dual en Galicia, formando máis de 800 alumnos, dos cales arredor do 50 % foron posteriormente contratados.

No curso 2023-2024 asinou convenios con 12 centros que ofrecen FP Dual, beneficiando 141 estudantes con prácticas remuneradas e cun investimento de 555.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade