Despregan barreiras anticontaminación en Ribeira polo incendio do arrastreiro Awadi
O lume está controlado e o barco mantense estable
Continúan as tarefas de achique para manter a flotabilidade da embarcación sinistrada

Máis de 24 horas leva ardendo o buque Awadi, no porto coruñés de Ribeira. O barco mantense "estable" e seguen as tarefas de achique para manter a flotabilidade do barco, do que se encarga unha empresa especializada en tratamento de hidrocarburos.
Para evitar a contaminación da dársena, xa se despregaron as barreiras anticontaminación, xa que a auga que se achica agora da adega contén contaminación procedente da maquinaria do propio barco, como explica Fernando Abraldes, concelleiro do Mar de Ribeira.
Segundo confirmaron fontes autonómicas, desde este martes pola tarde non se detecta lume. O incendio está controlado, pero continúa activo, polo que se manteñen as tarefas de arrefriado, agora desde porto, como explica, Lorena Solana, xefa da zona centro de Portos de Galicia. Segundo indicou, o obxectivo agora é estabilizar o barco.
O porto comercial continúa pechado, pero avanzan que podería reabrirse ao longo do día.