Provedores e hostaleiros, desconformes coas limitacións horarias na zona histórica de Lugo
Amais de só poder repartir ata as 11 da mañá en certas zonas, engaden a prohibición de circulación de vehículos de máis de 3.500 quilos
Hostaleiros e provedores de mercadorías cren que unha solución de futuro sería crear un centro loxístico
Hostaleiros e provedores que traballan na zona histórica de Lugo din que as limitacións no horario de repartición de mercadorías non se axustan á realidade dos negocios da zona peonil. Unha situación que, segundo eles, dificúltalles o traballo ata o punto de que hai hostaleiros que teñen que abrir ata dúas horas antes.
"Imos ter un problema grande para facer a repartición", di un deles.
A limitación do horario de repartición na zona histórica de Lugo, ata máximo ás once da mañá, segue sen convencer nin as empresas provedoras de mercadorías.
"Cando saia a normativa nova e funcionen as cámaras queren acoutarnos o horario ata as 11 da mañá. O problema está en que a maioría dos hostaleiros da zona histórica abren ás doce ou unha do mediodía. Entón imos ter un problema grande para facer a repartición", explica Álex García, provedor de mercadorías.
Explica que "son moitos locais, moitas caixas en moi pouco tempo de traballo".
Pero tampouco aos hostaleiros da zona peonil.
"Abrimos os locais ás 12 da mañá, o que pasa é que pola recepción de mercadoría estamos abrindo ás 10 da mañá. Aínda así, son tantos os distribuidores e mercadorías que se reciben todos os días que, mesmo as 10 da mañá faise curto", indica José Luis Pardo.
Limitación de horario pero tamén de peso de vehículos que poden circular pola zona, pois debe ser como máximo de 3.500 quilos.
"Esa é outra gran problemática porque todos os de repartición de bebida están a traballar con camións de 5.500, 8.000, 10.000 e 12.000 quilos", remarca Álex García. "Un camión de 3.500 quilos ten unha capacidade de carga de 1.000 quilos, isto é un palé. Un Arde Lucus que son 30 ou 40 palés, farían falta 40 camionetas cos seus 40 condutores a repartir. Véxoo case, case inviable".
Por iso, consideran que "crear un centro loxístico sería unha solución de futuro".
Pensan que parte da solución sería manter a estación de autobuses e crear aí un centro loxístico, así o cren tamén desde a asociación Lugo Monumental.
"Un centro loxístico e desde aí si se pode distribuír con carretillas eléctricas ou algo así, porque iso si non está afectado polas limitacións de tráfico. Aquí si se pode establecer un horario libre, con limitación pois non podes meter vehículos eléctricos de gran tamaño pero si pequenas que poden distribuír noutro horario. E esta sería unha solución de futuro", explica o seu presidente Luis Latorre.
Deste xeito, din, poderían manter os intereses comerciais, axustarse á realidade dos mesmos en canto a horarios e actividade, pero tamén seguir priorizando así o uso peonil da zona e o coidado da zona histórica da cidade.