Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños denuncian vandalismo na céntrica praza de Portugal de Vigo

Veciños denuncian vandalismo na céntrica praza de Portugal de Vigo

Aseguran que amence a diario chea de cristais, ouriños e feces

Reclaman unha maior implicación no coidado e o control do ocio nocturno na zona

G24.gal 02/09/2025 13:51

En Vigo, os veciños da praza de Portugal levan décadas denunciando o vandalismo e as consecuencias do botellón e do ocio nocturno. Un problema que, din, vai mais aló das fins de semana. 

Pintadas que van camiño de ser clásicas, fontes coa auga verde de mofo e un parque infantil só apto para amantes do risco. A praza de Portugal adoita amencer entre cristais, vómitos e ouriños.

Os veciños deste céntrico punto de Vigo non poden máis: "Isto é unha porcallada, vómitos, mexadas e demais. Amais do problema de vandalismo, de pintadas todas as fins de semana nas fachadas", di Isabel Velayos, veciña de toda a vida. Carla Gandón amosa a súa preocupación polos nenos e os cans: "O tema dos cristais rotos, e non só iso, o tema dos vómitos e feces, que os cans entran en contacto con iso e intoxícanse".

A sede do Colexio de Aparelladores de Pontevedra leva décadas denunciando as desfeitas e o vandalismo. Conta Antonio Arias, delegado en Vigo, que lles botaron do seguro, tiveron que reforzar a reixa de entrada, e poñer cristais de seguridade. Tamén tiveron que contratar unha empresa de limpeza para borrar graffitis.

Outra veciña, Tere Romero, denuncia o abandono da praza e mesmo do edificio racionalista catalogado como Ben de Interese Cultural: "Hoxe en día é unha praza marxinal que está no centro de Vigo, coas rúas lindeiras que son unha vergoña. Tras de min está este edificio que leva vinte anos sen pintar".

Os veciños quéixanse do abandono desta praza de Portugal lindeira con Churruca, a rúa de copas por excelencia da cidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade